É un falar #01 con Nuria Vil e Pablo X. Suárez: «Lingua aberta»
Arrinca a actividade «É un falar» coa conversa que xuntará na Libraría NUMAX á poeta Nuria Vil e ao poeta e axitador asturiano Pablo X. Suárez. Este primeiro acto titulase «Lingua aberta» e nel ambas falarán arredor da relación entre a súa poesía e a oralidade no presente. A cita será o sábado 11 de xuño ás 12:30h nunha actividade apoiada pola Deputación da Coruña.
A rebeldía, a actitude punk e a volatilidade no escénico e no uso da palabra están moi presentes nos directos e nas propostas das protagonistas deste bloque: Nuria Vil e Pablo X. Suárez. Ambas traxectorias camiñan entre as marxes do literario e a performance nas súas intervencións, precisamente pola transformación da palabra falada e dos elementos e recursos cos que se relaciona este xénero. As dúas propostas teñen en común o feito de aliárense no directo con outras persoas e grupos para materializar os seus espectáculos. Nesta ocasión, dialogarán sobre os elementos globalistas do Slam Poetry, sobre a interdisciplinaridade, sobre a importancia da escolla da lingua nas súas propostas (o galego e o asturianu) ou sobre a súa relación co texto escrito e coa representación oral.
Esta primeira conversa, que leva por título «Lingua aberta: poesía e oralidade no presente», terá lugar na mañá do sábado 11 de xuño ás 12:30 no espazo da Libraría NUMAX, e será retransmitida en directo a través das nosas redes sociais de Facebook e Instagram (@numaxcoop). Esta actividade, que está apoiada pola Deputación da Coruña, é aberta ata completar aforo.
Nuria Vil (Vigo, 1993). Graduada en Estudos de Galego e Español pola Universidade de Vigo e cun Máster en Estudos da Literatura e da Cultura na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve o seu traballo dende 2016 no ámbito da palabra falada e a poesía escénica. Percorreu diferentes festivais nacionais e internacionais co espectáculo "Dúas gamberras e un micro" no que Vanessa Glemsel e ela xogan coa improvisación e coa ironía. Tamén colaborou con bandas como Rabuda e A banda da loba en recitais en directo, co esta última realizou o espectáculo arredor de Xela Arias coma homenaxe no ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Tamén realizou xunto a Arancha Brandón a creación audiovisual Deséxovos fillas poetas. Acaba de publicar o seu primeiro libro Simún (Chan da Pólvora, 2022) máis o seu traballo poético xa fora incluído en distintos fanzines e antoloxías como Dentes para a mazá (Chan da Pólvora, 2018), Trobeir*s do s.XXI (Chan da Pólvora, 2019) e Poesía galega novísima (Urutau, 2020). Tamén se autoproduciu e autoeditou no CD POESÍA MIX 2020.
Pablo X. Suárez (Orviz-Siero, 1981). É filólogo, especialista en lingua asturiana, promotor das Timbes Poétikes e un dos organizadores do festival Sacavera Sound. Ademais de obra dispersa por tazas e paredes, en papel ten publicados os poemarios Asturiana Beat (Trabe, 2005), El sistema débeme una chocolatina (Suburbia, 2011) ou a recopilación de relatos Yoni y yo (Suburbia, 2010). Tamén publicou en castelán os poemarios Pop Retórika (Glayíu, 2010) e Cómo evitar el apocalipsis (La novia de nadie, 2016). A nivel musical ten o proxecto electrónico El Velcro xunto ao productor Dudu García. No ano 2017 fíxose co Premio Xuan María Acebal (que outorga a Consellería de Cultura de Asturias ao mellor poemario asturiano) con Little Babilonia, do que o xurado destacou «o nivel lingüístico e estilístico, e a brillantez das imaxes dun texto que xoga e mestura a tradición máis clásica coas referencias máis pop». Este último poemario foi editado por Fetiche en versión bilingüe galego-asturiano. [Foto: Muel de Dios].
Sobre «É un falar»
A relación entre a fala e a escrita é o punto de partida deste ciclo de conversas no que catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado se atoparán na Libraría NUMAX para dialogar sobre o seu proceso creativo e sobre a inclusión da oralidade nos seus textos literarios (e viceversa). Estas conversas, de estructura aberta, terán como liña vehícular a oralidade, o recitado en voz alta permitindo a interpretación en directo, a lectura de textos propios e alleos. Estes encontros sucederán entre persoas con algo en común e estarán distribuídos en catro citas, de xuño a novembro, neste 2022. Ademais de Pablo e Nuria, en «É un falar» participarán Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns; Celso Fernández Sanmartín e Fruela Fernández; e Ángela Segovia e Luz Pichel. Esta actividade conta co apoio da Deputación de A Coruña e coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE