Libraría

O fotoxornalista Adra Pallón presenta «Lumes» na Libraría NUMAX

O fotoxornalista lucense Adra Pallón estará en NUMAX o venres 13 de setembro ás 20:00h da tarde para presentar o seu libro Lumes, unha obra editada por Phree e que se fixo posible grazas á bolsa Joana Biarnés da fundación Photographic Social Vision. A entrada é libre ata completar aforo.

Desde 2018, Adra percorreu todo o territorio para retratar, o que denominou a socióloga Pilar Burillo, como demotanasia, definido como o proceso mediante o cal, debido a accións políticas, directas ou indirectas, provoca a desaparición lenta e silenciosa da poboación dun territorio.

Adra Pallón (Lugo, 1992) é un fotógrafo documental que a través de proxectos de longa duración nos que emprega fotografía e multimedia tenta explicar os problemas sociais que están presentes na rexión ou no grupo social co que se integra ou do que forma parte. O obxectivo de toda a súa produción fotográfica é documentar a realidade próxima, aquela na que se atopa inmerso e da que pode entender por completo os seus códigos sociais e culturais. Para levar a cabo esa labor, durante os últimos cinco anos estivo traballando en proxectos de fotografía documental e multimedia, abordando diferentes temáticas de carácter social e ambiental a través da fotografía fixa e o audiovisual. Algúns dos seus traballos persoais foron recoñecidos en diferentes certames de fotoxornalisto e fotodocumentalismo: O Galicia en Foco, Andrei Stenin International Press Photo Contest, Prémio Estação Imagem 2022, Screenings do Visa Pour I´Image de Perpignan, II Premio Héctor Zampaglione, entre outros.

Artigos relacionados