Libraría

Afonso Becerra presenta «História da dança contemporânea na Galiza» en NUMAX

O dramaturgo e director teatral Afonso Becerra estará en NUMAX o próximo xoves 7 de outubro ás 19:30 para a presentación do seu libro História da dança contemporânea na Galiza (Através Editora, 2021). No acto o autor estará acompañado de Ana Vallés e Baltasar Patiño (Matarile Teatro). 

Afonso Becerra realiza en História da dança contemporânea na Galiza un exercicio de recuperación parcial da memoria dunha das artes máis efémeras e difíciles de narrar, desde os seus primeiros pasos ata o ano 2020. O libro céntrase na danza contemporánea, a máis libre e heterodoxa de todas as modalidades e estilos, e co foco posto en Galicia. Abordando unha danza galega que é especialmente poemática, dentro dun efervescente eclecticismo: ás veces máis conceptual, ás veces máis acrobática e circense ou co pé no tradicional, que nunca renuncia ao existencial e á ligazón coa terra. Na presentación do xoves 7 de outubro ás 19:30 horas na Libraría NUMAX, Afonso Becerra estará acompañado de Ana Vallés e Baltasar Patiño, da compañía Matarile Teatro. 

Esta presentación ten prazas limitadas e aconséllase reserva previa no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Afonso Becerra de Becerreá. Dramaturgo e director. Doutor en Artes Escénicas pola UAB. Graduado en Arte Dramática polo Institut del Teatre de Barcelona. Como ensaísta publicou O ritmo na dramaturxia (2005), Dramaturxia. Teoría e práctica (2007), Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro (2012) e Confio-te o meu corpo. A dramaturgia pós-dramática (2018). Publicou as pezas teatrais Agnus Patris (2002), Crio-Xénese (2007), Dramatículas (2010) e Textículos dramáticos e posdramáticos (2014). Becerra recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Xunta de Galicia 2001, o Premio María Casares á Mellor Adaptación Teatral 2016 e o Premio de Honra do Festival do Teatro Galego 2020, entre outros. Na actualidade, é docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e asume a dirección da Revista Galega de Teatro.