Cinema

Primeira entrega do ciclo «A cor das palabras. Encontros con cineastas», con Alberto Vázquez

O sábado 11 de marzo ás 11:30 bota a andar «A cor das palabras. Encontros con cineastas», un ciclo do Concello de Santiago de Compostela que achegará ao Cinema NUMAX a importantes cineastas do panorama actual. O primeiro convidado será o animador coruñés Alberto Vázquez, cunha charla titulada «O debuxo como forma de pensamento».

A aula maxistral coa que se inaugura o ciclo «A cor das palabras. Encontros con cineastas», organizado polo Concello de Compostela, contará coa participación do animador coruñés Alberto Vázquez que, baixo o título «O debuxo como forma de pensamento», fará un percorrido pola súa traxectoria artística caracterizada pola fértil combinación entre o seu traballo cinematográfico e como autor de banda deseñada.

Alberto Vázquez tense convertido nos últimos tempos nun referente no mundo da animación a nivel galego e internacional. Tras acadar o Goya á mellor curtametraxe en 2012 con Birdboy, vén de consagrarse neste 2017 acadando a estatuíña á mellor curtametraxe por Decorado e á mellor longa de animación con Psiconautas, filme que podedes ver estes días en NUMAX. A obra cinematográfica de Vázquez complétase con Sangre de unicornio, que puidestes ver o pasado verán na nosa sala.

A creatividade de Alberto Vázquez chega tamén ao mundo do cómic, con varios libros editados en países como España, Francia, Italia, Brasil ou Corea. Como ilustrador de prensa ten publicado en El País, La Voz de Galicia, Vanity Fair ou Boston Globe Magazine. Os seus traballos valéronlle máis dun cento de premios internacionais, en citas como o Festival de Annecy, Chicago, Foyle, ou Expotoon.

Inscrición n'A cor das palabras. Encontros con cineastas

O acceso á aula é gratuíto até completar aforo mais podedes reservar praza escribindo un correo a [email protected] no que indiquedes nome completo e número de contacto.

A cor das palabras é o libro de entrevistas con Marguerite Duras sobre o seu cinema que publicou de maneira póstuma Dominique Noguez en 1984. O Concello de Compostela, a través do ciclo «A cor das palabras. Encontros con cineastas», válese do leit motiv do texto de Duras para emprender unha serie de encontros de cineastas que atoparán no Cinema NUMAX o lugar perfecto para se atopar cos espectadores da sala.