Libraría

Ana Varela presenta o libro «Runrún» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Runrún (Galaxia) de Ana Varela o vindeiro xoves 7 de novembro ás 20h00. A autora estará acompañada da escritora Antía Otero. A entrada é libre ata completar aforo.

Tras a prematura morte dos seus pais, Aldara sofre un episodio psicótico, e a súa irmá, Uxía, faise cargo, soa, da situación. Esta é a historia de Uxía, unha xanela para asomarnos á súa vida. Apenas unhas horas que nos deixan ver os seus afectos, os escollidos e os que veñen dados, que por veces se volven caníbales, das circunstancias e dos prexuízos que nos atrapan, e de como todo pode virar nun momento, do fácil que é estar no outro lado do espello, iso que tanto tememos.

Ana Varela (Narón, 1978) é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Actualmente traballa como tradutora e intérprete da Administración de Xustiza no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En 2017 gañou o XXI Certame de Poesía Francisco Añón co seu primeiro libro, Asombrario, e en 2019 o VI Premio Gonzalo López Abente co poemario Onde nacen as hedras. Algúns dos seus poemas tamén viron a luz na revista Dorna. Runrún é a súa primeira novela.