Libraría

Andrea Ratto presenta «Europa», entre a street e a fotografía documental

O italiano Andrea Ratto presenta o xoves 7 ás 20:00 o libro fotográfico Europa, froito das súas viaxes polo continente en 2017.

Trátase dun proxecto fotográfico entre a street e a fotografía documental que analiza a sociedade europea buscando a súa esencia. Así o explica o autor: “En 2017 percorrín as rúas de 26 países de Europa coa miña cámara, sacando ao redor de 85.000 fotos, para realizar un proxecto totalmente independente. Aínda que todo isto poida parecer unha tolería, é en realidade un intento de buscar resposta a dúas preguntas que me fago nos últimos tempos, debido á evolución económica, política e social que estamos a vivir: Existe unha sociedade Europea? E se existe, como é? A intención de dar resposta a estas preguntas, levoume a realizar longas viaxes nas que dediquei todo o meu tempo a procurar imaxes que describisen ou simplemente transmitisen sensacións, capaces de revelar a esencia da sociedade europea en 2017, segundo o meu propio punto de vista. O desenvolvemento deste proxecto fixo madurar as miñas ideas iniciais, engadindo matices que non era capaz de percibir estando tranquilamente na miña casa, recibindo información filtrada e simplificada polos medios de comunicación. No meu intento de romper ese filtro achegueime á xente na súa vida diaria, pasando todo o tempo que puiden observando o que sucede nas rúas de Europa, tentando ser invisible, tomando fotos exclusivamente "candid" e "unstaged". As 80 fotos que seleccionei para ser parte deste libro resumen a miña visión de Europa, centrándose nos puntos comúns que atopei no percorrido, nas situacións que puiden documentar en diferentes países, pinceladas do que compartimos e, en definitiva, do que somos.

Sobre Andrea Ratto
"Nacín en Xénova (Italia) en 1976, pero desde o ano 2005 resido na Coruña (España). Desde que era neno sentinme atraído pola fotografía. Lembro sacar fotos coa cámara do meu avó durante as vacacións de verán familiares. A cámara acompañoume nas miñas viaxes ao redor do mundo. Nos últimos anos achegueime á street photography e finalmente empecei a ver a fotografía como medio de documentación crítica da sociedade. En 2018 publiquei o fotolibro Europa grazas a unha campaña de crowdfunding na cal participaron case 180 persoas de varios países. En novembro 2018 publicouse unha segunda edición. Actualmente estou a traballar nun proxecto sobre xentrificación realizando un monográfico sobre o barrio madrileño de Lavapiés (Madrid).