Libraría

Ángel Arcay presenta o traballo de investigación «Mulleres espontaneadas» na Libraría NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o xoves 27 de abril ás 20h30 a presentación do libro «Mulleres espontaneadas», de Ángel Arcay editado por Baía Edicións. No acto, o autor estará acompañado pola editora Belén López Vázquez. A entrada é libre ata completar aforo.

Ángel Arcay realiza en Mulleres espontaneadas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol (XVIII-XIX), un importante estudo, centrado nas comarcas do Eume e Ferrol e no que recupera 555 expedientes do Arquivo Notarial da Coruña, sobre aquelas mulleres que se presentaban voluntaria ou obrigadas ante as autoridades para autoinculparse polo feito de teren quedado embarazadas. Estas mulleres, na inmensa maioría dos casos viúvas ou solteiras, contan ante as autoridades todo o proceso do preñado coa intención de recibir o perdón pola franqueza das súas declaracións, logrando con iso tamén un salvoconduto para non seren molestadas por tal feito. Ángel Arcay, dando continuidade a investigacións similares realizadas por Ana Romero Masiá, Serrana Rial García e Miguel García-Fernández, explica as chaves e a importancia deste concepto xurídico case descoñecido e único na Galiza dos séculos XVIII e XIX. Na presentación, que terá lugar en NUMAX o xoves 27 de abril ás 20h30, o autor estará acompañado de Belén López Vázquez, editora de Baía Edicións. 

Ángel Arcay Barral (Betanzos, 1988) é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago e Mestre en Arquivos pola Universidade do Porto. Tras ter traballado en diferentes arquivos de Galicia e Portugal ocupa, dende o verán de 2022, a dirección do Museo das Mariñas e do Arquivo e a Biblioteca Municipal de Betanzos, encargándose tamén de coordinar a publicación do Anuario Brigantino. É autor dos libros O Parque do Pasatempo de Betanzos: narrativas para comprender un patrimonio profano, traballo merecedor do I Premio Masonería Aberta convocado polo IEMGAL e a Universidade de Vigo; Las 1001 recetas del Palacete de las Mendoza, onde transcribiu o receitario histórico de dúas das mulleres máis destacadas da Pontevedra do século XX; e, xunto a Yosune Duo e Jose Souto, do libro El Parque del Pasatiempo de Betanzos. Ademais ten coordinado outras obras como o libro de fotografías Octingenti ou a revista científica Casa dos Espellos. Esta obra sobre a figura das mulleres espontaneadas ten recibido o VI Premio HUME de Investigación 2021.