Antón Reixa presenta o libro «Enciclopedia perplexidade» na Libraría NUMAX
A libraría NUMAX acolle a presentación do libro Enciclopedia perplexidade (escolma poética 1976-2023) de Antón Reixa o mércores 20 de novembro ás 19h00. O autor estará acompañado pola escritora Ledicia Costas e o músico Nuno Pico. A entrada é libre ata completar aforo.
Unha obra para achegarse ao universo creativo dunha das figuras máis destacadas e polifacéticas da cultura galega contemporánea. Tras Melancoholemia. Vida de mamarracho, Antón Reixa regresa á colección Rizomas con Enciclopedia perplexidade, unha antoloxía dos seus poemarios publicados entre 1976 e 2023: Crebade as liras, Silabario da turbina e A dama que fala -ambos co colectivo Rompente-, As ladillas do travesti, Historia do rock and roll, Transporte de superficie, Ringo Rango, Escarnio, Látego de algas, Leccións de cousas, Algo raro pasa raro, Michigan, acaso Michigan, Crónica de 18 días en coma, Outlet ou o recente 2ª man.
No prólogo da obra, o profesor e escritor Xabier Cordal afirma que de entre todas as facetas creativas na traxectoria de Reixa -cine, televisión, radio, música, videoarte, performance - a poesía ocupa o primeiro lugar. A perplexidade sobre o mundo e sobre a vida, unha forma intelixente de escenificar o caos segundo o autor, son unha constante nunha obra que abarca unha ampla temática: a estrañeza do cotián, as fraudes do idealismo, o inconsciente, a decadencia, o desexo e o tabú, a depredación capitalista, a violencia colonial en Galicia e noutros pobos .
Antón Reixa (Vigo, 1957) é artista multimedia, escritor, autor de poemarios, obras de teatro e novelas, director e produtor de cine. Deixou a docencia pola música. É un dos representantes máis senlleiros da cultura galega, na poesía nos anos 70 coa fundación do Grupo Rompente e no rock subversivo de Os Resentidos nos 80, que foi artífice de grandes himnos actuais, e ao que lle sucedeu nos 90 o proxecto Nación Reixa. No terreo audiovisual dirixiu a serie «Mareas Vivas» na TVG, que bateu marcas de audiencia, adaptou para o cinema e dirixiu a novela de Manuel Rivas «O lapis do carpinteiro», ademais da longametraxe «Hotel Tívoli», e produciu na televisión autonómica o programa «Somos unha potenzia».
- Hoxe
- Ver máis