Libraría

Arredor do Stefan Zweig en galego

As traducións ao galego dun dos autores máis importantes da literatura europea, o austríaco Stefan Zweig, serán o eixo do encontro que terá lugar en NUMAX o xoves 25 de outubro ás 20:30. Contaremos coa presenza de editoras e tradutoras do autor para nos desvelaren como foi o proceso de volcar ao galego a escrita dun dos narradores máis prolíficos da primeira metade do século XX, ata o seu suicidio xunto á súa muller, perante a idea de que o nazismo se estendería a todo o planeta. Colabora neste evento a Asociación Galega de Xermanistas.

A Libraría NUMAX acolle un encontro arredor das traducións ao galego de Stefan Zweig e da súa figura, en colaboración coa Asociación Galega de Xermanistas. Participarán: Patricia Buxán e Saleta Fernández, tradutoras de Novela de xadrez (Irmás Cartoné, 2018); Carlos Valdés, editor de Irmás Cartoné; Laureano Araujo, tradutor de Momentos estelares da humanidade (Faktoría K de Libros) xunto a Paz Castro, da editorial Kalandraka, e Alejandro Tobar, da editorial Hugin e Munin, onde está traducida A impaciencia do corazón, da man de Rosa Marta Gómez Pato.