Cinema

Rita Azevedo visita NUMAX para presentar «A vinganza dunha muller» e impartir a Aula «Cinema: luz feliz e maligna»

A cineasta portuguesa Rita Azevedo Gomes visitará o Cinema NUMAX o venres 20 de maio para presentar ás 19:45 o seu último filme: A vinganza dunha muller. Ao día seguinte, sábado 21 ás 11:30, Azevedo Gomes impartirá unha clase maxistral titulada «Cinema: luz feliz e maligna» que se inclúe na Aula «Os ollos verdes» de NUMAX. A vinganza dunha muller está a ser distribuída en España por NUMAX Distribución e ten confirmada a súa exhibición nun mínimo de 15 salas de todo o Estado.

NUMAX Distribución vén de sumar ao seu catálogo a obra mestra de Rita Azevedo Gomes: A vinganza dunha muller. Aproveitando a estrea do filme, Azevedo Gomes visitará o Cinema NUMAX o venres 20 de maio ás 19:45, para presentar a fita e ofrecer un coloquio posterior co público asistente. As entradas para esta xornada xa se atopan dispoñíbeis na billeteira de NUMAX. Ese mesmo día o filme vai vivir a súa estrea en cinemas de toda España, estando xa confirmada a súa exhibición en cando menos en 15 salas.

Adaptación libre do relato homónimo incluído n'As diabólicas (1874), de Jules Barbey d'Aurevilly, A vinganza dunha muller preséntanos a Roberto, un dandi outonal vítima dun fastío propio de quen xa esgotou todos os praceres da vida. Unha noite crúzase por azar cunha misteriosa muller cuxa historia de amor absoluto e crime atroz trastornará para sempre a súa visión do mundo. A vinganza dunha muller foi proxectada nas seccións oficiais de certames de primeiro nivel internacional como Rotterdam, Jeonju, Edinburgh, Marfici e Bafici, acadando un amplo prestixio dentro da prensa especializada que a sitúa como unha peza fundamental do cinema portugués contemporáneo. Neste sentido, salientamos que no número 100 de Caimán Cuadernos de Cine, publicado en maio, o filme ocupou o primeiro posto do Cadro Crítico da publicación.

O sábado 21 de maio ás 11:30, a cineasta lisboeta volverá á sala de NUMAX para impartir unha clase maxistral titulada «Cinema: luz feliz e maligna», na que afondará nas principais características do seu proceso creativo, no cal a reflexión sobre a posta en escena e o uso da cor ocupan unha posición central. Azevedo Gomes estará acompañada pola montadora do filme, Patrícia Saramago, que conta cunha ampla experiencia no campo da edición cinematográfica, traballando acotío, entre outros autores, co cineasta luso Pedro Costa. O relatorio de Azevedo Gomes inclúese dentro da Aula «Os ollos verdes», unha iniciativa do Cinema NUMAX que conta coa colaboración da  Concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña está a pór en contacto ao público da cidade con cineastas de primeiro nivel internacional. Ao igual ca nas anteriores actividades da Aula «Os ollos verdes», a clase maxistral é de balde mais é preciso unha inscrición previa no correo [email protected], indicando nome completo e teléfono de contacto.

Aínda que a obra cinematográfica de Rita Azevedo Gomes (Lisboa, 1952) gañou relevancia internacional tras a estrea d'A vinganza dunha muller, o seu traballo creativo encontra as raíces nos anos setenta no mundo das belas artes. A súa filmografía arranca oficialmente en 1990, con O som da terra a tremer, obra fundacional que remite ao cinema de Marguerite Duras e anuncia un universo referencial decididamente feminino. A este primeiro filme sucédenlle outros dez que van pouco a pouco perfilando a singular proposta creativa de Rita Azevedo, desde a homenaxe a un dos seus principais mentores en Parabéns Manoel de Oliveira: Intromissoes (1998), á historia de amor imposíbel ambientada no rural portugués de Frágil como o mundo (2001), pasando por A conquista de Faro (2005) e A colecção invisível (2009) nas que se anuncia o fértil encontro creativo coa actriz Rita Durão, que desemboca na súa obra mestra: A vinganza dunha muller.