Cinema

NUMAX reduce o prezo das súas entradas e abonos tras a baixada do IVE

Tras a publicación no BOE do 4 de xullo da redución do IVE do cinema, en NUMAX comprácenos informarvos que, a partir do venres 6 de xullo, efectuaremos unha rebaixa proporcional en todas as entradas do cinema, que tamén repercutirá nunha redución do prezo dos abonos. A continuación dámosvos conta de todos os detalles da rebaixa, que se moverá entre os 40 e 60 céntimos no caso das entradas de cine e entre os 2 e os 10€ para os abonos.

A esperada baixada do IVE do 21% ao 10% publicada o 4 de xullo no Boletín Oficial do Estado, permítenos implementar de maneira inmediata unha redución proporcional na tarifa de entradas e abonos que se fará efectiva a partir do venres 6 de xullo, coa renovación semanal da carteleira. Unha das rebaixas máis substanciais terá lugar nas entradas das persoas abonadas de NUMAX que pasará a custar 4€ en todas as sesións (fronte aos 4,5€ anteriores) cunha redución de 0,5€ por entrada. Esa mesma rebaixa repercutirá sobre as entradas xerais de luns a xoves nas sesións posteriores ás 17 horas, que pasan a valer 5,9€, fronte aos 6,4€ anteriores á baixada do IVE. No caso da entrada xeral da fin de semana (venres a domingo, festivos e vésperas de festivo) a redución sobre o prezo final chega até os 0,6€, pasando dos anteriores 7,2€ aos 6,6€ que entrarán en vigor o venres 6 de xullo.

No tocante ás entradas reducidas, haberá tamén unha importante baixada de prezos pasando a custar 4,6€ fronte aos 5€ anteriores. As reducidas da fin de semana (venres a domingo, festivos e vésperas de festivo) terán unha nova tarifa de 5,3€ fronte aos 5,8€ até agora vixentes. Lembramos que continúan a ter acceso a tarifa reducida as persoas desempregadas, estudantes menores de 25 anos, maiores de 65 e menores de 18, sempre que presenten documentación acreditativa. Ademais terán entrada reducida todas as persoas que asistan ás sesións anteriores ás 17 horas.

Pero isto non é todo. En coherencia coa redución das entradas á sala de cine levaremos a cabo, a partir do venres 6 de xullo, unha redución susbtancial no prezo dos abonos que pasarán a custar 18€ no caso do abono reducido (tarxeta verde), dispoñíbel para menores de 18, maiores de 65 e estudantes menores de 25 anos. O abono xeral (tarxeta azul) pasará dos 35€ actuais aos 32€ a partir deste venres, namentres o abono colaborador (tarxeta vermella), baixa até os 110€ desde os anteriores 120€.

Se tes algunha dúbida non deixes de trasladárnola. Vémonos no cinema!