A escritora Berta Dávila presenta «A ferida imaxinaria» na Libraría NUMAX
A escritora Berta Dávila estará con nós o mércores 24 de xaneiro ás 20:30 da tarde presentar a súa última novela A ferida imaxinaria. A autora compostelá fará unha lectura do primeiro capítulo acompañada polo xornalista Daniel Salgado e o editor de Xerais Fran Alonso. A entrada é libre ata completar aforo.
«A ferida imaxinaria» conta a historia de dúas parellas de irmás distanciadas, dous peixes laranxas e un ganso doméstico. E tamén a dos habitantes da aldea de Soutelo, cerca de Viveiro. Falta pouco tempo para que se produza unha eclipse solar total, pero ningunha das protagonistas ten un interese especial no fenómeno. As catro están mergulladas na súa propia escuridade. Un acuario e unha casa de cristal, a vida corrente e a vida de artista, a amizade entre persoas descoñecidas, as identidades duplas e a viaxe como única maneira de permanencia son algúns dos elementos dunha novela que fala da busca de consolo e en cuxas páxinas xorde unha melodía inesperada que dá conta das feridas da existencia. Berta Dávila crea personaxes, situacións e paisaxes nunca antes vistas e, así e todo, absolutamente próximas e familiares; concibe unha fabulación ateigada de imprevistos, consonancias simbólicas e paralelismos temáticos capaz de producir, coma nos movementos dun ballet, unha sutileza narrativa onde nada carece de senso, e onde todo flúe para provocar o asombro.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), traducido para o castelán e o xaponés. O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da Asociación de Editores. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 en lingua galega na modalidade de narrativa por Carrusel (Editorial Galaxia) ou o dobre premio recibido en 2021 por Xerais con Un elefante na sala de estar (XIII Jules Verne de Literatura Xuvenil) e en novela con Os seres queridos. A ferida imaxinaria é a súa última novela.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE