Libraría

A escritora Berta Dávila presenta «Os seres queridos» na Libraría NUMAX

A escritora Berta Dávila visitaranos o próximo xoves 28 de abril ás 20:30 da tarde presentar a súa última novela Os seres queridos, premio Xerais de novela 2021. A autora compostelá estará acompañada polo xornalista Daniel Salgado e o editor Fran Alonso. A entrada é libre ata completar aforo. 

Despois de visitarnos para presentar as súas anteriores novelas, Carrusel e Illa Decepción, fainos moita ilusión acoller de novo á Berta Dávila na que xa é a súa casa. Neste novo libro, Os seres queridos, a autora reflexiona a modo de autorretrato incómodo sobre a alienación e a fenda que a sociedade crea ao negar á muller como persoa desde o momento no que se converte en nai. Con este libro, Berta Dávila vén de colleitar o XXXVIII Premio Xerais de Novela, outorgado por un xurado que definiu a obra como un "magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas" que "afonda no significado do amor maternal e as arestas controvertidas da maternidade" a partir da historia dunha muller que, cinco anos despois de ter un fillo, volve quedar embarazada e decide abortar.

A presentación terá lugar o xoves 28 de abril ás 20:30 horas no espazo da Libraría NUMAX, coa presenza da autora, acompañada do xornalista e escritor Daniel Salgado, e do editor de Xerais, Fran Alonso. A entrada para asistir a este acto é libre ata completar aforo, ademais, a presentación tamén será retransmitida vía streaming a través das nosas redes sociais de Facebook e Instagram. 

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), traducido para o castelán e o xaponés. O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da Asociación de Editores. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 en lingua galega na modalidade de narrativa por Carrusel (Editorial Galaxia) ou o dobre premio recibido en 2021 por Xerais con Un elefante na sala de estar (XIII Jules Verne de Literatura Xuvenil) e en novela con Os seres queridos.