Libraría

Antón Blanco presenta «Tres estudos para un poema da cidade» na Libraría NUMAX

O poeta de Vilagarcía presenta o seu segundo poemario no Día Mundial da Poesía. Será o mércores 21 de marzo ás 19:30 na Libraría NUMAX, e estará acompañado da crítica literaria e poeta Alba Cid e do editor Carlos Lema.

Antón Blanco Casás (Vilagarcía, 1996) presenta o seu poemario Tres estudos para un poema da cidade (Galaxia, 2018) xunto á poeta e crítica literaria Alba Cid e o editor Carlos Lema. Blanco é autor de A oseira (2016) e participou nas antoloxías No seu despregar (2016) e 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017).

Segundo explican desde a propia editorial, esta obra "debería entenderse dentro dun xogo de trindades. Un tríptico que encarna un feito común para as diversas figuras e, ao tempo, vela para que permanezan separadas, non resoen. Non se trata dun poema tripartito senón que presenta tres conxuntos de anotacións para un mesmo texto indivisible. Unha voz que se afasta do lírico sen rexeitalo, buscando recursos na poesía épica e no ensaio antropolóxico. A vista sitúase nun lugar privilexiado, dotada de utensilios que lle permitan transitar as dimensións da cidade. E, así e todo, a perspectiva faise táctil para perder a finalidade económica da visión individual."