The Black Keys, Brian de Palma e anime na 3ª edición do ciclo "Blow Up. A música no cinema"
Por terceiro ano consecutivo, e en colaboración con A Reixa Tenda e o Outono Códax Festival, acollemos o ciclo Blow Up. A música no cinema, con tres sesións nas que gozaremos de This Is A Film About the Black Keys, o título de culto de Brian de Palma Phantom of the Paradise e o anime xaponés Blue Giant. O ciclo celebrarase do 22 ao 24 de novembro.
Soben os decibelios da sala NUMAX por terceiro ano consecutivo con tres estupendas propostas que xuntan música e cinema e que se inclúen nas actividades paralelas do Outono Códax Festival. Nesta edición, programada como as anteriores por Xavier Valiño, Alberte Branco e Fran Villasenín, gozaremos dun documental sobre a banda de Akron The Black Keys, o mítico musical de terror de Brian de Palma e un emocionante anime sobre o mundo do jazz. Xa se poden reservar as entradas en web e billeteira cunha tarifa xeral especial de 5€. As abonadas do Outono Códax Festival e de NUMAX terán a tarifa reducida de 4€.
Venres 22 de novembro | 17:30h
This Is A Film About the Black Keys (Jeff Dupre, 90 min, 2024)
O dúo formado por Dan Auerbach e Patrick Carney, o máis exitoso e influente do rock moderno, descríbese como un «matrimonio de conveniencia» neste perspicaz estudo sobre a súa relación, baseado en entrevistas confesionais e toneladas de imaxes de arquivo. Estreada en España na edición de 2024 do festival Inedit.
Sábado 23 de novembro | 17:30h
Phantom of the Paradise [50 aniversario] (Brian de Palma, 92 min, 1974)
Paul Williams escribiu a partitura deste clásico do cinema musical de terror, no cal participa interpretando o papel do malvado magnate da música perseguido por un compositor desfigurado ao que mete en prisión para lle roubar as súas composicións. Unha vez en liberdade, a pantasma namora da nova estrela da canción promocionada polo magnate, comezando así a súa particular vinganza.
Domingo 24 de novembro | 17:30h
Blue Giant (Yuzuru Tachikawa, 2023)
Miyamoto Dai é un estudante con paixón polo baloncesto, pero tras ver por vez primeira unha sesión de jazz ao vivo, muda a súa visión da vida, decidindo dedicarse ao saxofón. Dai non ten nin talento natural, nin adestramento, nin idea do que terá que traballar pero a súa obsesión polo saxofón lévao a tocar día tras día.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Emilia Pérez
VOSE
-
-
A luz que imaxinamos
VOSE
-
-
Bird
VOSG