Boniface Ofogo presenta «Una vida de cuento» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro Una vida de cuento (Kalandraka) de Boniface Ofogo o luns 26 de maio ás 19:00h. O autor camerunés estará acompañado pola escritora Paula Carballeira. A entrada é libre ata completar aforo.
Unha historia autobiográfica que chega desde o corazón de África e un manual indispensable para quen desexe iniciarse na arte da narración oral. Escrito en primeira persoa, este libro rescata a importancia da tradición oral como outra forma de coñecemento, como elemento fundamental para crear e recrear identidades colectivas, e como medio para tender pontes entre persoas e culturas. O propio autor ao longo da súa vida transita desde un mundo exclusivamente oral ata outros onde a palabra escrita gana total autoridade. E, paradoxalmente, o autor vólvese contacontos e escritor, así a palabra escrita e falada danse a man para levarnos por camiños que nos abren a mente á diversidade e ao pensamento crítico.
Di Boniface: «Nesa pequena aldea de agricultores amantes da palabra e xente humilde, nacín a mediados dos anos sesenta, nunha familia de grandes sabios e hábiles oradores. Como é tradición entre algunhas tribos bantú, a miña familia enterrou o meu cordón umbilical baixo un vello baobab situado detrás da casa familiar; ese será sempre o meu punto de referencia, o meu centro do mundo. Viva onde viva, viaxe onde viaxe, o meu cordón umbilical, enterrado á sombra do vello baobab, unirame coa terra dos meus devanceiros e coas tradicións e ensinos que deles recibín.»
Boniface Ofogo naceu e criouse nunha aldea do interior de Camerún. Estudou Filoloxía Hispánica. Foi mediador intercultural no Concello de Madrid e de Móstoles. Desde 2005 dedícase en exclusiva a percorrer colexios, bibliotecas e centros sociais relatando historias. É especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións do África negra. Actuou por toda España (Maratón de Contos de Guadalaxara, Fórum das Culturas de Barcelona, Festivais de Oralidade de Jaca e Elche) e numerosos países como: Francia, México, Cuba, Brasil, Costa Rica, Colombia, Arxentina, Cabo Verde, Marrocos...