Libraría

Presentación de «Vir a menos. Crítica da razón nihilista», de Brais Arribas

O filósofo Brais Arribas presenta Vir a menos. Crítica da razón nihilista (Axóuxere Editora) o xoves 17 de outubro ás 20:00 na Libraría NUMAX, acompañado pola escritora Teresa Moure e Roberto Abuín, da editora.

Alén da interpretación común da noción de nihilismo, Brais Arribas articula unha proposta que desenvolve un «novo nihilismo» ancorado nas condicións de existencia presentes e cun potencial crítico se cabe aínda maior que o tradicional, na medida en que permite amosar as aporías e as contradicións internas dos principais mitos sobre os que se sostén a cultura tardomoderna, ofrecendo unha alternativa á mesma, a partir do pensamento filosófico de autores como Gianni Vattimo, Jacques Rancière e outros e cuxos efectos van alén do estritamente teórico para dirixirse cara á esfera práctica, desenvolvendo un paradigma de acción alterno ao actual, moito menos violento e máis integrador ca este.

Brais Arribas (Ourense, 1980) é doutor en Filosofía, profesor de Ensino Medio e investigador da Cátedra Internacional de Hermenéutica Crítica (Hercritia). Entre as súas principais publicacións destacan Outro xeito de ser (Estaleiro, 2010), Postmodernidad, con Teresa Oñate (Batiscafo, 2015), Reduciendo la violencia: la hermenéutica nihilista de Gianni Vattimo (Dykinson, 2016) e Sobre a eutanásia (Através, 2018). Ademais, ten publicados diversos artigos, quer en obras colectivas, quer en revistas especializadas.