Carla Simón presenta en NUMAX a preestrea de «Verán 1993»
O xoves 29 ás 19:30 recibimos a visita da cineasta catalá Carla Simón na preestrea de Verán 1993, delicado relato sobre a infancia, de importante carga autobiográfica, que vén de acumular premios en festivais como a Berlinale, BAFICI, Cannes, Estambul ou Málaga.
Verán 1993 preséntanos a Frida, unha nena de seis anos que, logo da morte da súa nai, pasa o primeiro verán coa súa nova familia. Situado en pleno campo, o novo fogar de Frida, obrigará á pequena a se adaptar a un novo mundo de sensacións, relacións e afectos. Verán 1993 trasládanos con gran precisión ao mundo da infancia, a través dos detalles que marcaron a biografía da propia directora. Tal e como ten sinalado Carla Simón, «Verán 1993 é a miña propia historia, o filme máis persoal que escribín até a data. Un verán que definiu a miña infancia e me obrigou a medrar máis rápido que calquera outra nena da miña idade, influenciando sen dúbida a persoa que son hoxe en día. En Verán 1993, a miña nova vida comezou. Ainda que os meus recordos sexan vagos, este filme retrata ese período coa nena que eu era entón como protagonista».
A ópera prima coa que Carla Simón se dá a coñecer no panorama cinematográfico vén de facer unha exitosa xira por festivais de todo o mundo acadando premios na Berlinale 2017 (Mellor opera prima, Gran Premio do Xurado Internacional), Málaga 2017 (Biznaga de Ouro, Premio Feroz Puerta Oscura, Premio SGAE), BAFICI 2017 (Mellor dirección, Premio do Público, Premio Signis), Estambul (Premio Especial do Xurado) ou Cannes 2017 (Écrans Junior). Verán 1993 terá a súa estrea en salas de todo o Estado o venres 30 de xuño. Porén, no Cinema NUMAX temos o luxo de contar cunha preestrea exclusiva o xoves 29 ás 19:30 na que contaremos con presentación e coloquio a cargo da directora. Xa se poden adquirir entradas para o pase na seguinte ligazón: https://numax.org/carro/ticket/paso3/veran-1993/3768