Carlos Negro e Raquel Senra presentan «O tempo dos Lagartos» na Libraría NUMAX no marco do Festival Luz Poética

No marco do Festival Luz Poética acollemos a presentación do libro O tempo dos lagartos de Carlos Negro e Raquel Senra o próximo martes 24 de outubro ás 20h00 da tarde. As autoras estarán acompañadas por Diego Horschovski, director do festival, e Marcos Calveiro, director de Galaxia. A entrada é libre ata completar aforo.

Na presentación de O tempo dos lagartos estarán as súas autoras Carlos Negro e Raquel Senra. Este libro intenta ser un punto de sutura entre un tempo clausurado e unha expectativa de cambio; desa crise abrollan imaxes e palabras nun acto de supervivencia que transforma o amor nun dente de león a voar polo aire, porque medrar manca a pel, a casa, os adentros.

O Festival Luz Poética celebrarase en Santiago de Compostela do 23 ao 29 de outubro en Santiago de Compostela. Aquí podedes consultar toda a súa programación.

Raquel Senra (Compostela, 1988) é ilustradora, tradutora e promove a lectura en bibliotecas e centros de ensino. O seu mundo xira arredor do libro, os seus ollos de mar dialogan coa natureza e o seu camiñar compasa coa respiración do ar. Leva máis de dez anos acompañada da imaxe e da palabra, interpretando, reescribindo e medrando a través de realidades propias e alleas pois, no fondo, cre que cada persoa é unha colaxe de vivencias.

Carlos Negro (Lalín, 1970) é docente e escritor. A través da poesía, leva case trinta anos a indagar sobre si mesmo e sobre o mundo que o rodea; alén diso, é un recitador ambulante que percorre os institutos contándolle á rapazada que dentro de cada ser humano hai un verso que agarda por saír.