Libraría

Carlos Rego presenta «Bibiano. Cambiar para ser un mesmo» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Bibiano. Cambiar para ser un mesmo (Galaxia) de Carlos Rego o vindeiro xoves 13 de marzo ás 19:00h. O autor estará acompañado de Alfonso Espiño, doutor en Historia da Arte; e de Alfonso Pato, xornalista e escritor.

A intención primeira deste libro é rescatar do esquecemento o Bibiano músico, que nos últimos anos da súa vida era máis coñecido pola súa faceta de promotor e organizador de concertos e produtos culturais que pola súa obra musical, e indagar na súa evolución artística de par que se tenta explicar unha evolución persoal fascinante, contraditoria para moitos, desde os seus anos no pop en Compostela ata o apoxeo e ocaso no mundo dos negocios, pasando pola súa actividade en Voces Ceibes.

Carlos Rego (Ourense, 1965) combinou dende moi cedo as cancións (en grupos como Cosecha Roja e Burgas Beat, actualmente en Tesouro), cunha carreira paralela no mundo do xornalismo musical. Durante os anos oitenta e noventa colaborou na edición ourensá de La Voz de Galicia, en xornais gratuítos como 32 Pistas e fanzines como Otoño Cheyenne e 18 Rodas. Tras pasar por Nordesía, suplemento cultural do Diario de Ferrol, recensionou discos nas páxinas de Tempos Novos. É colaborador habitual de Ruta 66 desde 2004, e de Cuadernos Efe Eme desde 2022. Publicou Nuevo Rock Americano, años 80 (2010), Derribos Arias. Licencia para aberrar (2015) e Magín Blanco. O camiño da luz (2019).