Libraría

A artista Carme Nogueira inaugura o primeiro Episodio de Creación Contemporánea

Tras a presentación do ciclo da man do comisario, Ángel Calvo, e de Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da Arte na USC, nunha animosa conversa que podedes escoitar neste podcast, chega o primeiro dos Episodios de Creación Contemporánea, o vindeiro sábado 1 de xuño ás 12:30.

Coa artista viguesa Carme Nogueira e o proxecto de investigación Vida hurdana. O que escriben os nenos inaugúrase o episodio #1 deste novo ciclo organizado pola Libraría NUMAX co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña que presenta, dunha banda, unha intervención artística na Libraría NUMAX, e, doutra, amosa ao público as investigacións e os procesos creativos que alentaron a propia intervención ou peza artística.

Un dos obxectivos dos Episodios de Creación Contemporánea é amosar como detrás de cada obxecto artístico existe unha investigación única, unha pescuda, uns procedementos, uns tempos e unhas conclusións cuxa materialización pasa por formas e intereses igualmente amplos. O resultado é a obra de arte pero neste caso interesa tamén coñecer en primeira persoa o xeito en que se articulan e materializan, tanto a nivel de pensamento como no propio taller dos e das artistas.

Así, os Episodios introducen, tomando como punto de partida as artes visuais, a reflexión d@ artist@ no propio espazo de exposición e, ao tempo, as apreciacións e reflexións que o público lle vai devolver. O feito de amosar unha peza nunha vitrina –obra ou non- abre a porta a unha serie de acontecementos. A vitrina funciona así como “detonante” dunha presentación pública, da interrelación con outros materiais, da conversa e por suposto do debate. Eses serán os espazos a activar.

Vida hurdana. O que escriben os nenos
Carme Nogueira (Vigo, 1970) traballa sobre os procesos de subxectivización e a función normalizadora dos espazos a través da fotografía e a instalación. Nos últimos traballos esta problemática materialízase en unha serie de obxectos e accións para o espazo público que convocan ás veces unha memoria do traballo e das loitas obreiras, prácticas de emancipación feministas ou anticoloniais.

A súa intervención neste Episodio #01 presenta un diálogo simulado entre Luis Buñuel e o alumnado de dúas escolas de Las Hurdes (Extremadura). O documental Las Hurdes, tierra sin pan, rodado por Buñuel en 1932, foi fundamental para mostrar unha imaxe da España da época, pero tamén contribuíu a unha controvertida popularidade da rexión cuxas recepcións seguen aínda en liza. Esta imaxe contrastaba coa metodoloxía pedagóxica Freinet que coetaneamente á rodaxe de Buñuel se aplicaba nesas dúas escolas da rexión e que promovía entre as súas prácticas que o alumnado elaborara os seus propios manuais cunha imprenta escolar.

AQUÍ podes descargar a folla de sala do proxecto.

Biografía
Carme Nogueira é licenciada pola Universidade de Salamanca e doutorada pola Universidade de Vigo. Traballa principalmente sobre os procesos de subxectivización e a función normalizadora dos espazos a través de procesos de investigación artística. As súas preocupacións están relacionadas coa intimidade, o espazo público e doméstico, espazos urbanos e xénero. Isto plasmouse en diferentes proxectos específicos: en fotografía, instalación e máis recentemente nunha serie de obxectos e accións no espazo público.

Algúns dos seus proxectos específicos son “Vida Gallega”, (Madrid, 2018) comisariada por Tamara Díaz Bringas; “Noticias Ordinarias del Norte”, (Novo Baztán, Madrid, 2018) comisariado por Lola Hinojosa; “A propósito de Alvão” (Porto, 2017) en colaboración con galería Kubik; “Citoyenneté I” e “II”, (Montehermoso, Vitoria-Gasteiz, 2012 e Pavillon Vendôme, Paris, 2014) comisariado por Manuel Segade; “Castillete, retablo minero”, (Musac, León, 2012) comisariado por Leire Vergara, “Bewegtcentrum, O centro en desprazamento”, (bolseira pola Fundación Botín, 2011) “Porteños Intervencións-Valparaíso” (Chile 2010) comisariado por Jorge Díez; “Rotterdamweg”, (Róterdan, 2009) e “Nos Camiños”, intervención específica nos terreos da fábrica de Álvarez, Vigo (2007) ou os dispositivos de sala para “Archivacción” (Bienal de Pontevedra 2010); para o “Contenedor de Feminismos” (Casa-Museo Emilia Bazán, Coruña e Villagarcía, Bilbao e León 2009-2014) ou para a exposición “Aquí y ahora!” (Reacción-Erreakzioa, Gabinete Abstracto de sala rekalde, Bilbao 2008), entre outros. É autora do estudo La representación como puesta en escena: para una teoría de la mirada (Alfons el Magnanim, Ed. Valencia, 2001).

Escoita aquí o podcast deste episodio.

Os Episodios de Creación Contemporánea son un ciclo que nos achega en primeira persoa ao xeito en que se articula e toma forma, no pensamento e no taller unha peza ou un proceso artístico. Esta actividade conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.