Libraría

Carmen Villar Alonso presenta o seu libro «Os mil e un días» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acollerá o xoves 28 de setembro ás 20:00h a presentación do poemario «Os mil e un días» de Carmen Villar Alonso, editado por Xerais. A autora estará acompañada polo director de Xerais, Fran Alonso; o profesor da UVigo Beni Salgado; a escritora Andrea Barreira e por Álex Monteagudo á guitarra. A entrada é libre ata completar aforo. Foto: Eduardo Navarro.

Os mil e un días é unha escolma de fotopoemas, un carreiro trazado a través de anos de feliz coexistencia de imaxes e letras que se miran no espello e ás veces ata discuten. O resultado é unha posible viaxe cara ao centro da poeta e da súa memoria. Nese percorrido, desexos de ser illa malia nacer península e chaves que xa non abren conviven con lembranzas de lobos a distancia discreta das verbenas. Os pasos converxen nunha teima última: ser quen de devolver á árbore a mazá e derrotar a entropía.

Carmen Villar Alonso naceu en Zürich no berce da emigración. Estudou Xornalismo, Xestión Cultural e Fotografía Artística. É redactora en Faro de Vigo, onde tamén asina a columna de opinión «Que din as rumorosas?». Como debuxante, participou en «Entrecruzar», do Proxecto-Edición do CGAC. Desenvolve un proxecto fotopoético en redes sociais como Carmen de Milmanda. Escribe teatro, contos e poesía en fanzines e revistas como Dorna e Palavra Comum, así como nos volumes colectivos Liñas compartidas (2019) e Contármonos (2023). O poemario Os mil e un días (Xerais, 2023) é a súa primeira obra individual.