A poeta Celia Parra presenta «Pantallas»
O venres 5 de outubro ás 20:00 a poeta Celia Parra presenta Pantallas (Ed. Galaxia) acompañada por Andrea Porto Mato e a editora Malores Villanueva.
Celia Parra (Ourense, 1990) publica en 2009 o seu primeiro poemario, No berce das mareas, Premio Avelina Valladares, e despois de pasar varios anos en proxectos interdisciplinares de todo tipo, regresa agora ao formato libro con Pantallas case unha década despois. Polo camiño publicou poemas en revistas como Dorna, Luzes, Oculta Lit e en xornais como O Salto Galiza, e a súa obra foi escolmada nas antoloxías No seu despregar (2016) e 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017), dúas das máis recentes radiografías sobre o panorama da nova poesía galega.
Como autora interésase pola hibridación da poesía con outros formatos e especialízase en videopoesía, como creadora, investigadora e docente. Impulsora e produtora executiva do documental Versogramas, considerado o primeiro arredor do xénero, os seus videopoemas propios recibiron diversos recoñecementos a nivel internacional.
Neste novo poemario, a autora accede ao dicir poético dende a realidade cotiá das pantallas, os códigos binarios, a virtualidade e as memorias sempre difusas, inmediatas e volátiles, dos trebellos electrónicos que nos circundan e fan ser a clase de almas que agora somos. Unha voz poderosa en clave de bit poético.
- Hoxe
- Ver máis