Libraría

Celso Fernández Sanmartín presenta o poemario «A cousa eterna» na Libraría NUMAX

O narrador oral e poeta Celso Fernández Sanmartin estará en NUMAX o venres 2 de febreiro ás 20:00 da tarde para presentar o poemario A cousa eterna. O autor estará acompañado polos músicos Mila García e Benxamín Otero e a poeta e editora de Apiario, Antín Otero. A entrada é libre ata completar aforo.

A escoita, a oralidade no cotián, as referencias filosóficas, os ritos ou o poder do simbólico conforman A cousa eterna. "Sempre mirei as flores de plástico, com0 flores de plástico, e nunca as vin tan claras coma agora, óleos tranquilos arremedan o perpetuo, coma o pavo duro no conxelador". Son versos deste libro de Celso Fenández Sanmartín. Un contraerse e expandirse que, di o poeta, son os movementos poéticos do diafragma. Celso observa o respirar lento do mundo, escoita as voces e véñenlle os fragmentos dun poema. Achégase á poesía, di no remate deste libro, non cun poder notarial, senón humilde e cegamente.

Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) é narrador oral, etnógrafo, poeta, horticultor, ornitófilo, corredor e paseante, agradecido. Publicou fanzines como Repoboar (2015) e libros como Fucsia, talladas, estampados, boca (Imprenta Librería Alvarellos, 2001) ou Gratas e boas novas (2011), nas que mestura creación propia e a memoria narrativa atesourada durante o seu traballo durante dez anos nunha residencia da terceira idade de Lalín. O seu último poemario A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez saiu na editorial Apiario en 2018.