Presentación de 'Chap Chap', último libro do xornalista cultural Kiko Amat

O Super Tour Galego argallado por I'm The Mocker achegará a NUMAX ao crítico musical Kiko Amat o vindeiro venres 18 de setembro ás 19:00, onde presentará Chap Chap en compañía de Raquel Peláez. Este seu último libro é unha antoloxía confesional que inclúe artigos, listaxes, diatribas, columnas varias, pezas inéditas, pezas rexeitadas e panexíricos escritos entre 1987 e 2014.

Kiko Amat é novelista de cercanías, xornalista cultural sen carreira, anglófilo militante e apaixonado fan do pop. É autor das novelas El día que me vaya no se lo diré a nadie (2003), Cosas que hacen BUM (2007), Rompepistas (2009) e Eres el mejor, Cienfuegos (2012), as catro para Anagrama, e do ensaio-crónica Mil violines (Random House Mondadori, 2011). Escribe de forma regular para a prensa cultural de máis prestixio do país (Babelia, de El País e Cultura/s, de La Vanguardia), e desde o 2011 codirixe o festival Primera Persona no CCCB condal.

Chap Chap: lean neste libro como Kiko Amat acode a unha cita coa actriz Juliette Lewis, atropela un vello co seu coche (pero non o esmaga), asiste abraiado a un concerto de Julio Iglesias, desexa ser escalador, espía os pijos de Calella, conta con repugnante detalle a vasectomía á que se someteu, entrevista a Miguel Bosé, fala de nazis gais e de beatniks, confesa o seus xuveníns actos de vandalismo público, acusa e defende a The Style Council (dun xeito algo bipolar), relata por que beber é fascinante, vai a un concerto de Vic Godard e embebédase coma un porco, infíltrase en Queralbs para intentar albiscar a Jordi Pujol (e case o linchan), ensínanos as tatuaxes noxentas que cobren a súa pel (sen que ninguén llo pedira) e rememora a súa vida na cadea de montaxe da SEAT.