NUMAX

NUMAX acolle a charla «Bailarinas antifascistas» co motivo do Día da danza

Con motivo do Día Internacional da Danza a Libraría NUMAX acollerá a charla "Bailarinas antifascistas" na que participarán a escritora e bailarina Branca Novoneyra xunto á Oriana Méndez. A actividade terá lugar este venres 29 de abril ás 20:30h, nun acto no que se presentará tamén o terceiro número de Espiral. Revista independentista de pensamento marxista.

Que contece cando se pon o corpo a danzar para secundar unha loita? Así enceta Branca Novoneyra a súa reflexión en "Bailarinas antifascistas", un texto que quere facer memoria coa historia da danza e que se publicou como artigo no terceiro número de Espiral. Revista independentista de pensamento marxista.

Coincidindo co Día Internacional da Danza, este venres 29 de abril ás 20:30 da tarde, Novoneyra falará nesta charla - coloquio sobre mulleres antifascistas como Antonia Mercé, Juanita Montenegro, Evelyn Hutchins ou Carmen Amaya, grandes figuras que revolucionaron a escena moderna do baile. Mais tamén que puxeron o corpo como campo de batalla durante a guerra, algunhas coa súa danza, outras como brigadistas ou choferes na primeira liña de fogo. Todas defenderon a causa republicana contra o fascismo. Acompañando a Branca na historia destas mulleres bailarinas están as imaxes recuperadas e tratadas pola artista Tina Paterson. A escritora e bailarina estarán acompañada por Oriana Méndez que presentará o proxecto de Espiral, revista de pensamento que busca promover a análise e a reflexión dende Galicia e sobre o noso tempo.

Para asistir á actividade non é necesario reservar praza, a entrada será libre ata completar aforo. Para quen non poida achegarse, a actividade será retransmitida como vén sendo habitual a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Artigos relacionados