Libraría

Presentación de «Cine y exilio. Forma(s) de la ausencia» con José Luis Castro de Paz e Santos Zunzunegui

O xoves 22 de febreiro ás 20:00 recibiremos a visita do historiador do cinema e catedrático José Luis Castro de Paz para presentar Cine y exilio. Forma(s) de la ausencia, editado por Shangrila. No acto tamén participará o crítico e catedrático Santos Zunzunegui.

O novo libro de Castro de Paz reflexiona as formas que ten empregado o cinema español para representar a perda e a ausencia causada polo exilio posterior á Guerra Civil, sustentando a súa análise en dúas obras fundamentais: El balcón vacío (1962) de Jomí García Ascot e El espíritu de la colmena (1973) de Víctor Erice. Destes e outros filmes –aproximándonos a eles coas armas metodolóxicas da análise fílmica, sen desprezar a necesaria contextualización histórica– tratan de dar conta, lúcida pero apaixonadamente, as páxinas deste libro. A apertura do acto, que terá lugar na Libraría NUMAX, correrá a cargo de Santos Zunzunegui, crítico da revista Caimán Cuadernos de Cine e catedrático en Comunicación Audiovisual pola Universidade do País Vasco.

José Luis Castro de Paz (A Coruña, 1964) é historiador do cinema, doutor en Historia da Arte e Catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Redactor xefe da revista Vertigo nos anos 90, colabora en publicacións especializadas españolas e estranxeiras e é membro do comité editorial das revistas Translations, Eu-topías, Archivos de la Filmoteca e Volvoreta. Entre os seus numerosos libros destacan Vertigo/De entre los muertos (Paidós, 1999); El surgimiento del telefilme (Paidós, 1999); Alfred Hitchcock (Cátedra. 2000), Un cinema herido. Los turbios años cuarenta en el cine español (Paidós, 2002), premio al mejor ensayo otorgado por la AEHC (2003), Fernando Fernán-Gómez (Cátedra, 2010), Del sainete al esperpento. Relecturas sobre el cine español de los años cincuenta, escrito con Josetxo Cerdán (Cátedra, 2011) ou Sombras desoladas. Costumbrismo, humor, melancolía y reflexividad en el cine español de los años cuarenta (1939-1950) (Shangrila, 2012).