Cinema

Ciclo de cinema social con Compostela + solidaria

Entre o 14 de setembro e o 5 de outubro o Cinema NUMAX acolle o Cinefórum social de Compostela + solidaria, organizado pola coordinadora Galega de ONGD e coa colaboración de Agareso. A entrada aos filmes é de balde previa recollida de entradas a partir do venres anterior a cada sesión.

Por terceiro ano consecutivo, o Cinema NUMAX colabora no programa do Compostela + Solidaria. O Cinefórum de Compostela + solidaria, organizado xunto á ONGD AGARESO, abrangue pezas de cineastas de distintos países nas que se tratan temáticas como a interculturalidade, a migración e a convivencia entre distintas culturas. Ao rematar cada unha das sesións, haberá un coloquio con persoas que participaron nas distintas películas.

As sesións son abertas e de balde. Os convites para poder acceder poden recollerse na nosa billeteira física a partir do venres anterior a cada unha das 4 sesións (un máximo de dúas por persoa).

Velaquí o programa:

Luns 14 de setembro ás 20h:


MANOLIÑO NGUEMA
(Estrea)
Dirixida por Antonio Grunfeld, 85´, 2019
Premio Mestre Mateo á Mellor Longametraxe.

COLOQUIO FINAL con Antonio Grunfeld (director), Rocío Cadahía (guionista), Roi Carballido (produtor executivo) e María Becerra (produtora).

Marcelo Ndong, un sexaxenario artista africano formado en Galicia e que vive en Malabo (Guinea Ecuatorial), recibe unha inesperada proposta. Como en tantas outras ocasións deberá montar unha obra de teatro pero, esta vez, o argumento será a súa propia vida. Co apoio de dous dos seus mellores alumnos, Marcelo creará en Malabo unha obra de teatro que será representada en Compostela. Unha viaxe persoal e creativa dende a Guinea postcolonial e a España franquista ata a actualidade que permite coñecer o seu periplo vital como artista.

Luns 21 de setembro ás 18h

MAKUN (NO LLORES). DIBUJOS EN UN CIE
Dirixida por Emilio Martí López, 30´, 2019
Nomeada aos Premios Goya 2020 como Mellor Curtametraxe Documental.

COLOQUIO FINAL con Thimbo, un dos tres protagonistas do documental.

Os Centros de Internamento de persoas estranxeiras (CIE) do Estado español son buratos negros dos Dereitos Humanos; cárceres para persoas que non cometeron ningún delito. Makun (no llores). Dibujos en un CIE é un documental de animación que dá vida aos miles de debuxos atopados nas paredes do CIE de Fuerteventura, nas Illas Canarias.

Luns 28 de setembro ás 20h

QUERÍA SER (Estrea)
Dirixida por David Alonso, 70´, 2020
COLOQUIO FINAL
co director, David Alonso.

Documental que aborda a trata e a explotación sexual dende a testemuña e o punto de vista de mulleres que foron vítimas. Os seus soños, as súas experiencias, os seus proxectos, a súa visión sobre os homes e a igualdade.

Luns 5 de outubro ás 20h - SESIÓN DE CURTAMETRAXES

UN SITIO EN EL AVIÓN
Dirixida por Khadidiatou Sow, 23´, 2016

Unha emisora de radio anuncia que un avión especial con destino a Estados Unidos ponse a disposición de calquera persoa que queira emigrar, aínda que as prazas son limitadas. Moussa, que sempre soñou con irse, decide intentalo.

TRAS LA VALLA
Dirixida por Antonio Grunfel, 20´, 2020

A través da vivencia persoal da guineana Bari Fatimatah e o marfileño Kone Mohamed, pretende reflectir a difícil situación das persoas migrantes que chegan a Marrocos en busca dunha vida mellor. É tamén unha crítica ás políticas migratorias, que se endureceron nos últimos anos para intentar frear a chegada de persoas migrantes a Europa.

MISBAH
Dirixida por Anna Suriyach, Agus Morales (Revista 5W), 23´, 2019

Misbah Yousaf Begum ten 22 anos, naceu en Barcelona e leva toda a vida vivindo no barrio do Raval. A súa familia son migrantes de orixe pakistaní. Ela, estudante de Ciencias Políticas na Universidad Pompeu Fabra, só estivo unha vez en Pakistán, con apenas un ano. Agora volve para coñecer as súas raíces nunha viaxe íntima narrada a través dos vídeos grabados co seu teléfono móvil. “Non é unha viaxe calquera: é Pakistán”, di.

COLOQUIO FINAL desta sesión de curtas con Misbah Yousaf (protagonista) e Anna Suriyach (directora)