Libraría

Claudio Pato presenta o seu novo proxecto poético «Corona* e a inxunción das n articulacións (libres)»

A Libraría NUMAX acolle o venres 22 de abril ás 20:30h da tarde a presentación do libro «Corona* e a inxunción das n articulacións (libres)» co seu autor Claudio Pato acompañado do filófoso e escritor Delmiro Rocha, da crítica literaria Ana Salgado e dun dos editores de Saurobuks, Alfonso Rodríguez.

O novo proxecto poético de Claudio Pato, Corona* e a inxunción das n articulacións (libres), trata de responder a través dun artefacto de escritura híbrida preguntas como: que facemos cando miramos para outras vidas que poboan o planeta?, que maquinaria se pon en movemento ao (re)considerar as poboacións?. Escrito entre marzo, abril e maio de 2020, durante o confinamento, este é un libro que levará a escritura, as imaxes a maquinar outros reinos. O autor Claudio Pato estará acompañado na presentación do venres 22 de abril ás 20:30h polo filófoso Delmiro Rocha, a crítica literaria Ana Salgado e Alfonso Rodríguez, editor de Saurobuks. 

Desta volta, para asistir á presentación non é necesario reservar praza, a entrada será libre ata completar aforo. Para quen non poida achegarse, a actividade será retransmitida como vén sendo habitual a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Claudio Pato (1962) é licenciado en Filosofía. Entre 2008 e 2012 foi Director da Galería Sargadelos da Coruña, deseñando e levando adiante a programación cultural deste espazo da cidade na que reside. Como tal, comisariou os ciclos sobre pensamento e arte Afóra(s) e Escrita(s). Posteriormente, entre 2013 e 2016 e a carón de Edita Rodríguez Oca, coordinou o espazo de creación cultural Almáci(gas) en Compostela. No eido da produción cinematográfica, xunto a Virxinia Polke é autor dos traballos fílmicos Parque Europa (2010), Antenas (2011), Repite ata que desapareza (2011), Dioses (2016), Ceo (2019), Esmorgan (2019) e Pío (2019) e, en colaboración con David Castro, de Postas (2017), Assisi (2018) e Syntagma (2018-2020). No 2018 participou na primeira edición de Intersección Contemporary Audiovisual Art Festival. Como poeta ten publicados os libros O almorzo do pintor de iconos Andrei Rublev (1997), Unha vida de traballo nos bosques do cánabo (2002), Como estás? (2011) e Draga/Se o bruído e a rotación do amonal na casa das abellas (2018), ademais de colaborar en revistas e obras colectivas como Dorna, Bitácora Escarlata, Proxecto Derriba, Cineclube Compostela ou Novas da Galiza.