Libraría

A Libraría NUMAX colabora no club de lectura do Festival Ateneo Barroco

O xoves 15 de outubro ás 18:00h celebrarase na Libraría NUMAX o club de lectura do Festival Ateneo Barroco arredor do libro 555 (Errata Naturae, 2023) da escritora francesa Hélène Gestern. A actividade estará moderada pola libreira Mariña de Toro. A entrada é gratuíta, previa inscrición no correo electrónico [email protected]. 

O Festival Ateneo Barroco achega unha nova actividade, o seu Club de Lectura, ao festival de música con vocación de transversalidade dende diversas formas de manifestación das artes e de abordaxe do vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca. Neste 2026, as protagonistas das lecturas serán o clave e a voz, a través de dúas novelas de diferentes estilos e xéneros; dúas narracións que comparten unha inspiración musical e o rigor na documentación e investigación, xunto a boas doses de creatividade, nas mans dos seus autores, Hélène Gestern e Jesús Ruiz Mantilla.

O clavecín, instrumento capital no Barroco musical, e Domenico Scarlatti, un dos compositores máis innovadores da música para teclado da historia, son o punto de partida da trama imaxinada pola francesa Hélène Gestern na súa última novela. O título 555 fai referencia ao número de sonatas para clave coñecidas e catalogadas de Domenico Scarlatti, a súa obra mestra de madurez e un tesouro musical de legado imborrable na historia da música. En 555 (Errata Naturae, 2023) Hélène Gestern harmoniza música e misterio arredor dun manuscrito que podería ser unha nova sonata perdida de Scarlatti, nunha narración conducida dende o punto de vista de cinco personaxes de ficción: a clavecinista Manig Terzian, o ebanista Grégoire Coblence, o lutier Giancarlo Albizon, o coleccionista Joris de Jonghe e o musicólogo Rodolphe Luzin-Farge. A sesión terá lugar na Libraría NUMAX o xoves 15 de outubro ás 18h00 da tarde e estará moderada pola libreira Mariña de Toro. 

A voz como instrumento tivo probablemente o seu momento máis particular, estraño e afastado á nosa forma de pensar actual na época dos castrati, dos castrados ou capóns. O castrato máis famoso do seu tempo foi Farinelli, quen viviu en Madrid vinculado á corte española durante dúas décadas, tras ser chamado por Isabel de Farnesio para curar co seu canto a depresión de Felipe V. En Yo, Farinelli, el capón (Galaxia Gutenberg, 2017) o escritor e xornalista Jesús Ruiz Mantilla dá voz a Carlo Broschi “Farinelli” nunha informada, imaxinativa e orixinal narración en forma de memorias e en primeira persoa, na que o célebre castrado comparte co lector a súa vida, os seus amores e a súa carreira. Farinelli redacta estas “memorias” no seu retiro en Bologna en 1780, aos 75 anos de idade. Ademais de repasar a carreira de Farinelli, fascinando e conquistando toda Europa, a novela propón unha enriquecedora recreación da Europa do Barroco, achegando as reviravoltas dos teatros e das cortes, da música e da ópera do século XVIII. A sesión terá lugar no Ateneo de Santiago o xoves 8 de outubro ás 18h00 da tarde e estará moderada polo editor e docente Carlos Valdés. 

A entrada para as sesións do Club de Lectura son gratuítas, previa inscrición no correo electrónico [email protected]. A inscrición é independente para cada unha das dúas sesións.As persoas interesadas poden adquirir os libros cun 5% de desconto na libraría Numax (rúa Concepción Arenal, 9).