Libraría

Club de lectura con Mariano Peyrou a propósito do seu libro «Tensión y sentido»

No Día do Libro este xoves 23 de xullo -tres meses despois da data habitual, a causa da pandemia da Covid-19-, queremos celebrar unha actividade moi especial: o primeiro club de lectura da Libraría NUMAX. Farémolo acompañadas de Mariano Peyrou, músico, antropólogo e poeta, que nos falará de Tensión y sentido, unha obra que explora a significación e o sentido da poesía, botando man de anovadores canons de interpretación. Para asistir ao evento, que se celebrará ás 18 horas a través de Zoom, é preciso mercar ou reservar o libro na nosa tenda física ou on line. Lembrade que nesta data teredes a oportunidade de beneficiarvos do 10% de desconto pola compra de libros.

Dentro das actividades que se celebran con motivo do Día do Libro, trasladado a xullo por mor da Covid-19, desde a Libraría NUMAX celebramos un club de lectura con Mariano Peyrou sobre o seu último libro, no que poderedes compartir visións poéticas e inquedanzas literarias. Tensión y sentido non é un manual, pero logra que as persoas lectoras, dun modo natural, sutil e un tanto inesperado, descubran e aprendan a empregar os seus propios recursos para abordar un poema (e liberarse de certas trabas). Tampouco é unha historia da poesía, pero nel o contemporáneo conéctase cunha longa tradición que abarca diversas disciplinas artísticas, de modo que vemos con novos ollos tanto o antigo como o moderno.

Que ocorre cando o sentido se abre, cando conviven a precisión e a imprecisión, cando irrompe o prosaico? Como participan a ironía, a debilidade temática, as repeticións, as imaxes ou os símbolos na construción do sentido? Mariano Peyrou convídanos a gozar da tensión de explorar un territorio estraño, a entregarnos á fascinación que xera esa estrañeza e a atopar un espazo desde o que ler, mirar e pensar de forma diferente.

No camiño, unha coidada selección de poemas (de Baudelaire, Dickinson, Eliot, Stevens, Parra, Szymborska ou Ullán, pero tamén de Shakespeare, Góngora ou Blake) ilustra as distintas dimensións exploradas. Pero os poemas, conectados con numerosos exemplos procedentes doutras disciplinas (Duchamp, O Veronés, Beethoven, Stravinski, Darwin ou Freud tamén están nestas páxinas), son sobre todo o terreo ideal para que o lector se deleite estreando a súa nova mirada.

*Se estás interesado neste evento podes inscribirte enviando un correo a [email protected]

*Evento realizado en colaboración con Penguin Random House Mondadori