Clubs de lectura de abril: «Rotas» e «Tea Rooms»

En abril propoñémosvos dúas sesións independentes de clubs de lectura ás que poderedes apuntarvos de xeito individual. A primeira delas celebrarase o 8 de abril ás 20:00h, será sobre Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela (Positivas) de Montserrat Fajardo e estará coordinada pola propia autora. A segunda será na semana do Día da Clase Traballadora e por iso escollemos o libro de Tea Rooms (Hoja de Lata) de Luisa Carnés. O encontro celebrarase o 29 de abril ás 20:00h e estará conducinda por Lucía Ramiro, socia traballadora de NUMAX e fan desta escritora.
Neste novo formato de clubs de lectura a inscrición realizarase a través dun formulario web ou presencialmente na libraría. Cada unha das sesións terá un custo de 6€ (por sesión). O pago farase de forma presencial na libraría, previamente á celebración da actividade. O custe das sesións irá destinado a pagar a coordinación e a remuneración das persoas que as realizan. A reserva de praza para a sesión non estará confirmada ata realizar o pago.
Para que as sesións do club de lectura se leven a cabo, será preciso un grupo mínimo de 10 persoas (por sesión), e un máximo de 15 persoas.
A libraría ofrecerá un 5% de desconto ás persoas que se anoten no club de lectura e que queiran mercar os libros propostos en NUMAX.
Inscrición Club de lectura Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela: pincha aquí.
Inscrición Club de lectura Tea Rooms: pincha aquí.
_____________________
Martes 8 de abril de 2025 | 20:00h
Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela de Montserrat Fajardo (Positivas) - Montserrat Fajardo
Obra gañadora do Premio Selic 2023.
Non é doado romper o silencio sobre as mulleres que permaneceron no manicomio de Conxo durante o franquismo. Rotas é o resultado de buscar nos arquivos, na memoria oral e na escasa bibliografía existente, a pegada das galegas máis esquecidas entre as esquecidas da historia; as que foron borradas mesmo do álbum familiar ou contadas polo pobo con relatos de loucura sen mirar as cicatrices que lles deixara o tempo das irrupcións nocturnas, das violacións ou dos mozos asasinados.
Se ningunha época foi fácil para as tolas, o golpe de Estado de 1936 e a ditadura que trouxo consigo complicárono todo aínda máis: Agravaron doenzas, provocaron traumas e agocharon en Compostela todas aquelas mulleres que había que borrar das vilas por tornarse estorbo. Rotas busca sacalas da cela do esquecemento e, a través das súas vivencias, verter cordura sobre o relato da nosa propia historia.
Inscrición Club de lectura Rotas: pincha aquí.
____________________
Martes 29 de abril de 2025 | 20:00h
Tea Rooms de Luisa Carnés (Hoja de Lata) - Lucía Ramiro
Na semana do Día da Clase Traballadora, conversaremos sobre xoia escrita por Luisa Carnés que nos achega á realidade das mulleres traballadoras de comezos de século XX.
Corren os anos trinta en Madrid e as traballadoras dun distinguido salón de té próximo á Porta do Sol axustan os seus uniformes para comezar unha nova xornada laboral. Antonia é a máis veterana, ainda que nunca ninguén lle recoñeceu a súa competencia. Á pequena Marta a miseria volveuna decidida y ousada. Paca, beata e na súa trintena, pasa as súas horas de ocio nun convento e Laurita, a afillada do dono, tense por unha «moza moderna». O xornal de tres pesetas non lles dá para vivir a ningunha, pero todas calan, non vaia ser…Están afeitas a calar: fronte ao xefe, fronte ao marido, fronte ao pai. A calar os seus desexos adurmiñadas pola relixión. Unicamente Matilde ten ese «espírito revoltoso» que tanto reclama a narradora cando consegue inmiscuirse entre a cháchara xovial das mozas.
Inscrición Club de lectura Tea Rooms: pincha aquí.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Misericordia
VOSE
-
-
Por todo o alto
VOSE
-
-
Lucky
VOSE
-
-
Por todo o alto
VOSE
-
-
Paris, Texas
VOSE