Daniel Salgado presenta o libro «Poemas realistas» na Libraría NUMAX
O escritor e xornalista Daniel Salgado presenta Poemas realistas (Apiario) na Libraría NUMAX o vindeiro mércores 11 de decembro ás 20:00h. O autor estará acompañado da editora Antía Otero e do escritor Alberto Lema. A entrada é libre ata completar aforo.
Poemas realistas é a nova entrega de Daniel Salgado, un poeta fundamental na poesía galega última, e nela explora as posibilidades do poema como testemuña dunha época ou a devoración dunha época que impón o poema. Non hai elección posible, hai sangue e lama e, malia todo, onde estea a mazaira vella, aí finalmente estará a nosa fráxil condición política.
Por que ler?
- Porque neste libro a lectora atravesará poemas de longo alento.
- Porque nel materia vermella e tipografía son portas de entrada.
- Porque o poema gabea pola linguaxe que se esgota e apela ao cansanzo.
- Porque a noite déitase sobre occidente e a nós pésanos a pel.
Daniel Salgado (Monterroso, 1981) traballa como xornalista. Publicou os libros de poemas Sucede (2004), días no imperio (2004), Éxodo (2006), Os poemas de como se rompe todo (2007), Ascension (2010, con deseño e debuxos de Xosé Carlos Hidalgo), ruído de fondo (2012), Dos tempos sombrizos (2013) e O Gran Rexeitamento / Flores para Albert Ayler (2017). Coa poeta e ensaísta María do Cebreiro, deu ao prelo A Guerra (2013) e, da man dos artesáns Inés Pallares e Afonso Rodríguez Castro, ensaios (2015). Os seus poemas aparecen recollidos en numerosas antoloxías colectivas. Traduciu a Allen Gisnberg, Amiri Baraka, Lawrence Ferlinghetti ou Adrienne Rich ao galego e a Lois Pereiro, a quen tamén antologou, ao castelán. Escribiu letras para a banda de música electrónica Das Kapital.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Memorias dun caracol
VOSE
-
-
The Brutalist
VOSE
-