Libraría

As escritoras Mónica Ojeda, Andrea Abreu e Elena Medel visitarán a Libraría NUMAX, dentro do ciclo Debut

Debut é un ciclo outonal de conversas con autoras que debutaron en 2020 con primeiros libros ou primeiras incursións nun xénero literario. Comeza o xoves 29 de outubro ás 20h e para asistir é preciso reservar praza no correo [email protected], pois a capacidade da libraría é moi limitada, indicando a que encontro(s) se queres asistir. Os tres serán retransmitidos tamén a través da nosa canle de Instagram.

Co formato de presentación-conversa, a Libraría NUMAX quere achegar ao público encontros con tres voces literarias mozas ben relevantes na literatura hispana dos últimos tempos. As tres debutaron este ano co seu primeiro libro ou coa súa primeira incursión nun xénero narrativo. Así, teremos a sorte de escoitar á ecuatoriana Mónica Ojeda e afondar en Las voladoras (Páginas de Espuma, outubro 2020) con María Valcárcel Tabernero o xoves 29 de outubro, á tinerfeña Andrea Abreu falar da súa Panza de burro (Barrett: xuño 2020) con Lara Dopazo o xoves 5 de novembro e á cordobesa Elena Medel conversar con Ismael Ramos ao redor de Las maravillas (Anagrama, outubro 2020) o xoves 12 de novembro. Todos os encontros comezarán ás 20h e retransmitiranse a través da nosa canle de Instagram.

Coas limitacións que impón contar cun espazo físico pequeno, e ante unha circulación masiva de títulos, o oficio de libreira ou libreiro na actualidade, tal e como o concibimos desde a nosa Libraría, céntrase non tanto en guiar as persoas lectoras como en brindarlle a posibilidade de escolla. A bibliodiversidade imponse como obxectivo filosófico, á marxe das listas oficiais de “máis vendidos”, que poucas veces nos representa.

O equilibrio entre cumprir os desexos lectores da nosa clientela e o de alentar outros novos, quizais descoñecidos, é a aspiración na que se enmarca o ciclo Debut que poñemos a andar a partir do xoves 29 de outubro. Un ciclo que quere dar a coñecer autoras novas, noveis e debutantes, representativas do máis estimulante dentro das liñas da narrativa hispana máis recente. Doutra banda, a aposta por saber máis sobre estas tres novelas tratará de conectar ao público coa actualidade última: Elena Medel debuta na narrativa con Las maravillas; Andrea Abreu coa súa primeira novela, a exitosa Panza de burro, e Mónica Ojeda debuta no xénero do conto con Las voladoras.

Son tres autoras que de seguro marcarán este outono editorial, con propostas literarias formalmente moi diversas pero enlazadas a través de temáticas comúns: a periferia en constante tensión co centro, a ollada sobre a infancia, as diversas formas de ser muller, o realismo (máxico, social, sucio...). Poder organizar este ciclo forma parte do interese da Libraría NUMAX por dar visibilidade a voces que, se ben teñen traxectorias ligadas a un dos principais centros de produción do Estado (neste caso, Madrid), traen as maletas cargadas da idiosincrasia do seu lugar de orixe.

Foto: Lisbeth Salas

Mónica Ojeda Guayaquil (Ecuador, 1988)
Autora das novelas La desfiguración Silva (Premio Alba Narrativa, 2014), Nefando (Candaya: 2016) e Mandíbula (Candaya: 2018) e dos libros de poesía El ciclo de las piedras (Premio Nacional de Poesía Desembarco en 2015) e Historia de la leche (Candaya: 2020). En 2017 publicou o relato «Canino» e outro dos seus contos foi antologado en Emergencias. Doce cuentos iberoamericanos (Candaya, 2013). Forma parte da prestixiosa lista de Bogotá 39-2017, que recolle a os 39 escritores latinoamericanos menores de 40 años con máis talento e proxección da década.

Las voladoras (Páginas de Espuma: 2020) é o primeiro libro de relatos de Mónica Ojeda. En palabras da súa editorial: «unha potentísima proposta cuxa coherencia interna, solvente e madura, reivindicativa e militante, nos retrata dous mundos, dous planos da mesma realidade, o mundo de arriba e o de abaixo, entre os que se moven a esencia e a sangue da muller, das mulleres vítimas, das mulleres violadas, pero tamén da muller loitadora, a muller sabia, a muller máxica».


Foto: Álex de la Torre

Andrea Abreu (Tenerife, 1995)
Como xornalista, traballou para a sección de Cultura do diario 20minutos.es e para diferentes medios, como Tentaciones (El País), Oculta Lit, LOLA (BuzzFeed), Quimera ou Vice. Os seus textos literarios foron incluidos en antoloxías como Macaronesia, de La Galla Ciencia; Los muchachos ebrios, antología de poesía jovencísima transoceánica, de La Tribu, ou Piel fina. Poesía joven española (Maremágnum: 2019). É autora do poemario Mujer sin párpados (Versátiles Editorial: 2017) e do fanzine Primavera que sangra (Demipage: 2017. É codirectora do Festival de Poesía Joven de Alcalá de Henares. O pasado 2019 gañou o accésit do XXXI Premio Ana María Matute de narrativa de mujeres.

Panza de burro (Editorial Barrett), editada pola xornalista e escritora Sabina Urraca, é a sua primeira novela. É un golpe de aire fresco nas letras hispánicas. Escrita nunha linguaxe orixinalísima que prima as particularidades sintópicas, sinstráticas e sinfásicas da narradora, é unha novela de formación, onde acompañamos a dúas nenas do interior, con nulas posibilidades de ir á praia, e que fan o posible para non aburrirse nunha paisaxe pobre e semiurbana.


Foto: Lisbeth Salas

Elena Medel (Córdoba, 1985)
Autora dos libros de poesía Mi primer bikini (DVD: 2002), Tara (DVD: 2006) e Chatterton (Visor: 2014), reunidos en Un día negro en una casa de mentira (Visor: 2015); e dos ensaios El mundo mago (Ariel: 2015) e Todo lo que hay que saber sobre poesía (Ariel: 2018). Dirixe a editorial de poesía La Bella Varsovia. Entre outros galardóns, obtivo o XXVI Premio Loewe a la Creación Joven e o Premio Fundación Princesa de Girona 2016 na categoría de Artes y Letras. É a editora española de poetas galegos como Gonzalo Hermo, Claudia González Caparrós e Ismael Ramos.
Las maravillas (Anagrama: 2020) é a primeira novela de Elena Medel. Enlazando a historia de varias xeracións de mulleres a través tamén dun percorrido pola historia de España das cinco últimas décadas, Las maravillas pon no centro cuestións como o diñeiro, os coidados e a confrontación entre o desexo e a realidade nun panorama precario. Será traducida ao alemán, inglés, italiano, grego e neerlandés.