Libraría

María do Cebreiro presenta na Feira do Libro o poemario «O deserto», deseñado por NUMAX

A Libraría NUMAX continúa a participar das actividades paralelas da Feira do Libro que se celebra até o 8 de maio na Alameda de Santiago. Este sábado 7 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar a presentación do libro de poemas de María do Cebreiro O deserto, cuxo deseño é obra do Laboratorio NUMAX. No acto intervirán, amais da propia autora, Antía Otero, da editorial Apiario, e Irma Amado, da Libraría NUMAX.

O deserto, poemario co que María do Cebreiro vén de gañar o Premio da Crítica en lingua galega na categoría de Poesía, vai contar cunha presentación no marco da Feira do Libro que está a ter lugar na Alameda do 30 de abril ao 8 de maio. O acto, organizado pola Libraría NUMAX, contará coa presenza de María do Cebreiro, que lerá algúns dos poemas do libro e asinará exemplares ao público asistente. Ademais, a presentación terá acompañamento sonoro, a través do fío musical da Feira, de pezas relacionadas co libro. A actividade completarase coa intervención de Irma Amado, da Libraría NUMAX, e Antía Otero de Apiario, editora do libro.

O deseño d'O deserto, obra do Laboratorio NUMAX, inclúe un envoltorio en papel de seda cun cromo encolado na capa e varios despregábeis de poemas e imaxes.

"Pero estas non son citas. Ti sabes que o deserto
non admitiría as citas, que non admitiría ningunha cousa
que poida ser estéril. Ninguén pode citar o corazón do inverno."