Libraría

A libraría NUMAX únese ao Día das Librarías coa presentación do novo poemario de Fran Gayo e descontos do 5%

O venres 8 de novembro a libraría NUMAX acollerá a presentación de Les Blanques Fogueres, o novo poemario de Fran Gayo, que estará acompañado do poeta e xornalista Daniel Salgado, ás 20:00.

Co lema "As librarías tócannos" a Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (Cegal), coa colaboración da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, pretende poñer en valor no Día das Librarías, o 8 de novembro, o trato persoal, exclusivo e cercano que ofrecen as libreiras e libreiros e o importante papel que exercen estos espazos na creación de comunidade.

Ademais, podes participar no concurso #laslibreríasnostocan contando aquilo que une a persoas lectoras e libreiras. Os detalles sobre como participar e os premios atópalos nos perfís de @LibreriasCEGAL.

Presentación con Fran Gayo

Desde a Libraría NUMAX sumámonos á celebración do Día das Librarías, o venres 8 de novembro, acollendo a presentación de Les Blanques Fogueres, o novo poemario de Fran Gayo, editado por Expediciones Polares. Acompañará ao autor o xornalista e poeta Daniel Salgado.

Les Blanques Fogueres é un libro no que Bos Aires e Asturias se funden nun. Este é un poemario escrito nun ambiente de violencia social explícita, nun ecosistema que, a pesar dos inconvenientes e a tensión, e de sentirse nas antípodas da súa orixe, sempre acaba traéndonos o recendo do máis propio, o recendo do máis íntimo do que somos: fillos dun rancor orgulloso que nos deu nome e apelidos. Fran Gayo sábese fillo e neto, e quérese pai, e asume a súa herdanza campesiña e proletaria nun ambiente pequeno burgués e precario no que tenta seguir respirando... E este é un ensalmo curador que chega para quedar e serve como refuxio contra a angustia.

Fran Gayo naceu en Xixón (Asturies) en 1970. É Licenciado en Literatura Española. Entre 1997 e 2009 foi responsable de programación no Festival Internacional de Cinema de Xixón/FicXixón. En 2010 trasládase a Buenos Aires para integrarse no equipo do BAFICI (Festival Internacional de Cinema Independente de Buenos Aires), onde actualmente é programador. Alí programará tamén diferentes mostras, como o BAFICI Animado (entre 2012 e 2014), o Festival de Animación Expotoons (entre 2010 e 2012) ou a mostra de cinema español ESPANORAMAS, organizada pola Oficina Cultural da Embaixada de España en Buenos Aires xunto a ICAA e CCEBA. Tamén en Buenos Aires, e desde 2011, forma parte do equipo de adquisición de contidos da plataforma de vídeo on demand QUBIT.TV. Desde 2012 é o responsable de contidos de cinema no Centro Niemeyer, en Asturias. Colaborou con medios escritos, ademais de participar en estudos monográficos.