Celebramos o Día Internacional do Libro, este luns na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX non falta á súa cita anual co Día Internacional do Libro, que se celebra este luns 23 de abril, xornada na que abrirá desde as 10:00 ata as 22:00 en horario ininterrumpido.

FOTO: A Libraría NUMAX o pasado martes, durante a presentación da peza de "Fóra dos Museos"

Calquera compra feita na Libraría NUMAX durante o luns 23 de abril, Día Internacional do Libro, terá un 10% de desconto, tanto se se efectúa fisicamente na tenda como se se realiza a través desta web. Ademais, ese mesmo día sortearase unha entrada dobre para o filme O león dorme esta noite, do xaponés Nobuhiro Suwa, que terá a súa estrea en salas de toda España o venres 27 de abril da man de NUMAX Distribución. Tamén o mesmo 23 proxectarase o filme A libraría, de Isabel Coixet, con pases especiais ás 12:00 e ás 15:45, e tamén durante a semana.

Neste enlace podedes consultar o catálogo de propostas de lectura feitas polas responsábeis da libraría. 

Os escritores Eduardo Estévez e Teresa Moure porán o broche a esta semana literaria coa presentación na libraría das súas últimas obras: nós-dentro e Um elefante no armário, o mércores 25 e o xoves 26, respectivamente.