Sesión de curtametraxes restauradas de José Ernesto Díaz-Noriega
O xoves 25 de abril celebramos un evento único, cunha selección de curtas recén restauradas de José Ernesto Díaz-Noriega, xenial cineasta amateur e un dos maiores expoñentes do cinema galego dos 70. A sesión será presentada por Carolina Cappa, responsable da restauración, e Marta Pérez, profesora da USC. O evento conta coa colaboración da Elías Querejeta Zine Eskola, Filmoteca de Galicia, Filmoteca Española, Julia Díaz-Noriega Villalva, Deputación da Coruña e Lost&Found. No traballo de postprodución e restauración dixital participou o Laboratorio NUMAX.
A figura de José Ernesto Díaz-Noriega (Barcelona 1912 – Madrid 2002) é fundamental para entender a relevancia do movemento amateur no Estado español e o cinema galego do Tardofranquismo e a Transición. Perito agrícola de profesión, Díaz-Noriega foi sempre un apaixonado do cinema. Na década dos trinta faise cunha cámara Kodak de 8 mm. coa que comeza a experimentar gravando fitas amateurs de gran beleza como Las ninfas de la charca (1935) coa que arranca a presente selección. Noriega combate na Guerra Civil, levando ao frente de guerra unha pequena cámara coa que rexistra imaxes de gran valor histórico. A esta etapa pertencen Revista 8 (1939) e Trailer (banderas victoriosas) (1939), abraiante caricatura dun desfile franquista que tamén proxectaremos.
Nos cincuenta múdase á Coruña onde dinamiza o Club de Cine Amateur e continúa a desenvolver unha obra marcada pola sátira, a ironía e un corrosivo e autoparódico sentido do humor. Neste período, ademais de continuar coa súa obra amateur apadriña unha xeración de mozos cineastas que haberían de protagonizar os primeiros pasos do cinema galego dos anos 70 e 80. A esta etapa pertence Os suevos, un filme 53 minutos de duración e falado en galego que proxectaremos como mostra do seu irreductible sentido do humor.
A pesar da relevancia histórica e o talento de Díaz-Noriega -ou JEDN como el adoitaba asinar- a súa filmografía permaneceu practicamente invisible até o día de hoxe. É por tanto todo un acontecemento para o noso cinema o traballo de restauración e dixitalización que vén de completarse e que aquí presentamos. O pase contará con presentación da propia Carolina Cappa para nos falar deste traballo de restauración e da doutora e profesora de Comunicación na USC Marta Pérez Pereiro que afondará na dimensión humorística de JEDN a partir d'Os suevos.
A sesión, para que xa se pode reservar butaca, terá lugar o xoves 25 de abril ás 19:00h co seguinte programa de proxeccións:
- Las ninfas de la charca (1935, 6 min)
- Revista 8 (Apuntes del 36 al 39) (1939, 36 min)
- Trailer (Banderas victoriosas) (1939, 3 min)
- Os suevos (1974, 53 min)