Dicir as marxes #02 con Iria Murado e Blanca del Noval: «A flor no cemento, o xabarín no asfalto. Un roteiro para desantropocentrar a cidade.»

O segunto encontro da actividade de NUMAX, «Dicir as marxes», será en movemento. O xoves 26 de xuño ás 19:00h terá lugar «A flor no cemento, o xabarín no asfalto. Un roteiro para desantropocentrar a cidade» da man da filósofa antiespecista Iria Murado e da especialista en plantas silvestres Blanca del Noval. Esta actividade ten prazas limitadas e requírese inscrición previa escribindo a [email protected]. «Dicir as marxes» está comisariada pola Libraría NUMAX e subvencionada pola Deputación da Coruña.
A biodiversidade dunha cidade, as fronteiras entre o humano e o non humano, é sempre máis plural que o imaxinario que temos dela. É dicir, as usuarias que habitamos a cidade non somos exclusivamente persoas humanas. Convivimos día a día con moitos animais (pombas, gaivotas, pegas, ratos, xabaríns, gatos, etc) que atopan o seu fogar en toda clase de espazos urbanizados e entornos construídos (hortas urbanas, fachadas, fontes, xardíns, parques, antenas, garaxes) onde os animais se instalan buscando acubillo e alimento. Porén, ao quedar fóra de toda planificación urbana e ao desafiar ese imaxinario que só aproba a súa existencia en lugares que coincidan co que tradicionalmente se entende por “natureza”, os animales “salvaxes” que viven na cidade son moitas veces vistos como seres desnaturalizados que ocupan e invaden un espazo que non lles pertence. Nese mesmo sentido, a cidade tamén está chea de mundo vexetal que se fai paso entre o cemento. Hai árbores e plantas que son froito de planificacións urbanas para facer os espazos máis “verdes”, pero hai outras que medran sen orde e en espazos non desexados. Estas últimas son vistas como suciedade e sinónimo de descoido, a maioría das veces sen saber nin os seus nomes nin as súas características.
Para abordar estas cuestións decidimos saír das paredes da libraría para pasear pola cidade. Farémolo nun roteiro que nos levará por varios puntos sensibles da cidade nos que estes choques se evidencian, para así reflexionar sobre a planificación, deseño e xestión do espazo urbano en relación aos intereses vitais dos animais e ampliar a nosa visión da vida vexetal que se pode atopar en Santiago. Deste xeito, formulamos unha revisión antiespecista da cidade que busque non xerar sufrimento e complicacións aos animais e mire por fórmulas inclusivas e tamén unha reflexión sobre a idea do que é silvestre (así como as aplicacións culinarias que poden ter as follas e plantas que nos rodean).
Esta actividade ten prazas limitadas e requírese inscrición previa escribindo a [email protected]. Cómpre indicar nome, apelidos e teléfono. O roteiro ten prazas limitadas.
Iria Murado é filósofa antiespecista. Está a facer a súa tese doutoral sobre cuestións de ética animal e investiga formas nas que podemos axudar aos animais salvaxes, tanto aos que viven en entornos naturais coma ós que nos acompañan nas cidades.
Blanca del Noval é cociñeira-investigadora en gastronomía. Graduada pora universidade da Basque Culinary Center, finalizou un mestrado en RSC e Sostibilidade pola UNED. Liderou proxectos de investigación e divulgación centrados en fermentacións, prantas silvestres e a redución do desperdicio alimentario; e colaborou con organismos internacionais, como as Nacións Unidas, en proxectos de desenvolvemento territorial e estratexia gastronómica. É coautora dos libros Descartes, que explora o valor gastronómico dos descartes; e Silvestre dedicado á gastronomía de prantas silvestres. Recentemente autoeditou Salvaxe, unha disertación sobre o ecosistema agroalimentario galego, a través de prantas silvestres comestibles e outros produtos olvidados. Actualmente, está emprendendo un novo proxecto, Yagi Miso. Baixo o nome de Basati, dá a coñecer prantas silvestres comestibles e produtos en desuso nas ceas clandestinas que organiza.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Antes de nós
VO
-
-
A trama fenicia
VOSE
-
-
Sirat
VOSG
-
-
A receita perfecta
VOSE