Libraría

Dores Pereira e Paula Lago presentan «Herbas da noite» na Libraría NUMAX

O vindeiro venres 20 de maio ás 20.30 temos unha cita coa profesora Dores Pereira e a ilustradora e editora Paula Lago para presentar «Herbas da noite». Nai e filla únense para realizar esta pequena guía ilustrada que recolle os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera do día de San Xoán e que autopublicaron grazas a unha campaña de micromecenazgo.

A arquitecta e artista viguesa Paula Lago enrredou a súa nai, a docente Dores Pereira, para elaborar unha guía especial que servise para coñecer e recoñecer as herbas de San Xoán. Unha axuda que a levou a corrixir e revisar os textos pero, o máis importante, a depositar unha información que vén transmitíndose de xeración en xeración na contorna familiar e veciñal en Atios (O Porriño). Así nace o libro Herbas da Noite. Unha guía expresionista das Herbas de San Xoán, unha publicación que fixeron conxuntamente, Dores ocupándose dos textos e Paula das ilustracións e da edición da mesma, e que está inspirada en herbarios como o que realizou a escritora Emily Dickinson en 1845 ou no misterioso manuscrito ilustrado Voynich do século XV. Esta guía reúne un total de 27 plantas da súa zona -coa súa denominación popular e latina-, ademais de recoller os trazos morfolóxicos básicos e información adicional sobre os seus usos máis populares, ditos e receitas.

A presentación do libro terá lugar o venres 20 de maio ás 20:30 horas, nun acto que contará coa presenza das dúas autoras. A entrada é libre ata completar aforo. Se non podes acudir á presentación recorda que o acto será retransmitido por streaming nas nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop).

As autoras

Dores Pereira traballa como profesora de Lingua Galega no I.E.S Val do Tea e ocupouse da parte literaria, que recolle a súa experiencia persoal con estas plantas e información sobre usos medicinais, curiosidades, refráns ou cancións.

Paula Lago é Licenciada en Arquitectura e desde hai uns anos está estreitamente ligada á creación artística, en especial á pintura. Neste proxecto ocupouse da ilustración e do deseño editorial.

Artigos relacionados