É un falar #04 con Luz Pichel e Ángela Segovia: «Ablandar a lingua»
O ciclo de conversas «É un falar» chega ao seu fin. A Libraría NUMAX acollerá o próximo venres 4 de novembro ás 20:30h da tarde ás poetas Luz Pichel e Ángela Segovia. No encontro, que leva por título «Ablandar a lingua», ambas falarán sobre as formas non regradas da lingua que empregan para construír as súas voces poéticas e sobre o seu uso como forma de subversión lingüística. Esta actividade está apoiada pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Instituto da Lingua Galega.
As escritoras e poetas Luz Pichel e Ángela Segovia son dúas autoras que recollen e traballan na súas respectivas obras con formas non regradas da lingua, unhas formas que influíron de maneira directa á hora de construír a súa propia fala poética. No caso de Luz Pichel, na súa poesía explora a tensión entre linguas maiores e menores, a potencialidade liberadora dun uso non estabilizado nin flolclorizante das linguas, a memoria, a infancia e a fenda de invención que ámbalas dúas abren, e a conflitividade de clase que o castrapo deixa á vista, e que aparece en obras como Cativa en su lughar/casa pechada e CO CO CO U. No caso de Ángela Segovia, no poemario Mi paese salvaje mestura o castelán con outras linguas romances e outros sons arcaicos da linguaxe para a creación dunha nova lingua máis persoal, que se deixa case arrastar pola lírica medieval no seu sentido popular e musical. Nesta conversa ambas intentarán achegarse aos porqués das súas respectivas escollas e dos seus usos como forma de subversión lingüística.
Esta última conversa, que leva por título «Ablandar a lingua», terá lugar na tarde do venres do 4 de novembro ás 20:30 no espazo da Libraría NUMAX. Será retransmitida en directo a través das nosas redes sociais de Facebook e Instagram (@numaxcoop). Esta actividade, que está apoiada pola Deputación da Coruña, é aberta ata completar aforo.
Luz Pichel. É poeta e foi profesora de Lingua e Literatura castelás en Madrid e co-directora con Guadalupe Grande do Centro de Estudios da Poesía da Universidade Popular José Hierro de San Sebastián de los Reyes entre 2002 e 2009. Naceu en Alén, Lalín, en 1947. Alí aprendeu a falar dentro dunha lingua que podería morrer pero non quere. Os que falan esa lingua sempre pensan que son outros os que falan ben. É autora dos libros El pájaro mudo (Ediciones La Palma, 1990; I Premio de poesía “Ciudad de Santa Cruz de la Palma”); La marca de los potros (Diputación de Huelva, 2004; XXIV Premio hispanoamericano de poesía Juan Ramón Jiménez); Casa Pechada (Fundación Caixa Galicia, 2006, XXVI Premio Esquío de Poesía); El pájaro mudo y otros poemas (2004); Cativa en su lughar/casa pechada (Progresele, 2013), tra(n)shumancias (La Palma, 2015); CO CO CO U (La uÑa RoTa, 2017), Din din don y más Hortensias azuis (Cartonera del escorpión azul, 2021) e ALÉN ALÉN (La uÑa RoTa, 2022).
Ángela Segovia naceu en 1987 en Las Navas del Marqués (Ávila). Publicou ¿Te duele? que foi V Premio de Poesía Joven Félix Grande. Tras licenciarse en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, gozou de estancias en París, Perú e Chile. En 2013 saíu á luz o seu segundo libro, de paso a la ya tan (ártese quien pueda, 2013). En 2015 concedéuselle unha das súas becas de creación na Residencia de Estudiantes. En 2017 publicou, xa na editorial La Uña Rota, La curva se volvió barricada, que mereceu o Premio Nacional de Poesía Joven ‘Miguel Hernández’, concedido polo Ministerio de Cultura. Posteriormente publicou Amor divino (2018), Pusieron debajo de mi mare un magüey (2020) e Mi paese salvaje (2022). Neste último mes de 2022 publicará a súa primeira novela, Las vitalidades, editada por La Uña Rota.
Sobre «É un falar»
A relación entre a fala e a escrita é o punto de partida deste ciclo de conversas no que catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado se atoparon na Libraría NUMAX para dialogar sobre o seu proceso creativo e sobre a inclusión da oralidade nos seus textos literarios (e viceversa). Estas conversas, de estructura aberta, tiveron como liña vehícular a oralidade, o recitado en voz alta permitindo a interpretación en directo, a lectura de textos propios e alleos. Estes encontros participaron Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns; Celso Fernández Sanmartín e Fruela Fernández; Nuria Vil e Pablo X. Suárez; Ángela Segovia e Luz Pichel. Esta actividade contou co apoio da Deputación de A Coruña e coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE