É un falar #02 con Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns: «Escribir a voz»
A segunda conversa da actividade «É un falar» terá lugar o mércores 6 de xullo ás 20:30 da tarde e reunirá na Libraría NUMAX á escritora vasca Uxue Alberdi coa escritora galega Susana Sánchez Aríns. No encontro, que leva por título «Escribir a voz», ambas falarán sobre a importancia dos testemuños orais na elaboración das súas obras. Esta actividade está apoiada pola Deputación da Coruña.
O diálogo entre Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns estará centrado nas recollidas de testemuños orais na elaboración de narrativas como La trastienda ou Reverso. Testimonios de mujeres bertsolaris (Alberdi) e Seique (Sánchez Aríns). No caso da autora galega, o propio título Seique ponnos na pista do seu uso do dixomedíxome como unha das capas sobre as que se constrúe a narración, especialmente cando o que se trata son feitos traumáticos. A maneira de abordalos leva a unha mestura de xéneros que está tamén presente nos libros de Alberdi, que poden lerse como novelas pero tamén se achegan á crónica no seu uso de testemuños. Así, ambas autoras reflexionarán sobre as formas nas que se constrúe o relato histórico e familiar, sobre bertsolarismo, sobre o fácil que é caer na desmemoria e sobre o que facer cando faltan as fontes documentais e os arquivos.
Este segundo encontro, que as escritoras protagonistas titularon «Escribir a voz», terá lugar na tarde do mércores 6 de xullo a las 20:30 na Libraría NUMAX, e será retransmitida en directo a través das nosas páxinas de Facebook e Instagram (@numaxcoop). A actividade é aberta ata completar aforo.
Uxue Alberdi Estibaritz (Elgoibar, 1984). Licenciada en xornalismo, escritora e bertsolari. Colaborou con diferentes medios de comunicación como redactora, articulista e locutora de radio. É autora de relatos, novelas, ensaios, crónica literaria e tamén literatura infantil. Recibiu o Premio Euskadi de Literatura en dúas ocasións, na categoría de literatura infantil e xuvenil por Besarkada e no de ensaio por Kontrako eztarritik (Reverso). En 2009 publica a novela Aulki-jokoa (El juego de las sillas), que sería traducida ao castelán e tamén ao galego por Isaac Xubín na editorial Hugin e Munin. Os seus dous últimos traballos tamén traducidos ao español e editados por Consonni son: Jenisjoplin, que foi galardoada co Premio 111 Akademia, e La trastienda, na que Uxue relata a historia da súa nai e da súa tía, costureiras e bordadoras pero tamén libreiras.
Susana Sanches Arins (Vilagarcía de Arousa, 1974). Criouse en O Foxo (A Estrada) e con posterioridade mudouse a Santiago de Compostela onde estudou Filoloxía Hispánica e Portuguesa na USC. É profesora de secundaria e traballa na escola pública. Foi gañadora do XXI Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé coa obra [de]construçom, editada por Espiral Maior (2009). Posteriormente publicou aquiltadas (Estaleiro Editora, 2012) e a noiva e o navio (Através Editora, 2012). Neste mesmo ano, publicou Seique (Através Editora) traducida ao castelán como Dicen pola editorial De Conatus. Ao que lle seguiron a plaquette poética Carne da miña carne (Editora Apiario, 2018) e o libro de relatos Tu contas e eu conto (Através Editora). No ano 2020 a edición revisada de Seique levou o Premio Narrativa da V Gala do Libro Galego, onde o xurado destacou precisamente o especial da súa estructura narrativa que forza ao lector a recompoñer a historia así coma a utilización da oralidade na escrita.
Sobre «É un falar»
A relación entre a fala e a escrita é o punto de partida deste ciclo de conversas no que catro parellas de autoras galegas e doutras partes do Estado se atoparán na Libraría NUMAX para dialogar sobre o seu proceso creativo e sobre a inclusión da oralidade nos seus textos literarios (e viceversa). Estas conversas, de estructura aberta, terán como liña vehícular a oralidade, o recitado en voz alta permitindo a interpretación en directo, a lectura de textos propios e alleos. Estes encontros sucederán entre persoas con algo en común e estarán distribuídos en catro citas, de xuño a novembro, neste 2022. Nesta actividade xa participaron Pablo X. Suárez e Nuria Vil no pasado mes de xuño e nos vindeiros meses «É un falar» acollerá a Celso Fernández Sanmartín e Fruela Fernández, e Ángela Segovia e Luz Pichel. Esta actividade conta co apoio da Deputación de A Coruña e coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
Oh, Canada
VOSG
-
-
Parthenope
VOSE