«nós-dentro», o novo de Eduardo Estévez, o mércores 25 de abril na Libraría NUMAX

Acompañado do poeta Estevo Creus e do editor Francisco Castro, Eduardo Estévez presenta «nós-dentro», o poemario que vén de publicar a editorial Galaxia, o mércores 25 de abril ás 20:00 na Libraría NUMAX.

nós-dentro é un libro que explora os elementos do cotián. Os itinerarios de dentro constrúense coas mudanzas da luz, as rutinas dos habitantes e as interferencias que traen os libros. Porque as lecturas producen na voz poética reflexións sobre o cotián e os poemas dialogan cos autores que le e aos que convida a participar da vida da casa. Tamén é unha celebración da amizade: personas reais cos seus nome aparecen unha e outra vez nos poemas creando unha ficción con elementos da realidade.

Eduardo Estévez naceu en Buenos Aires onde residiu até 1990. Á idade de 16 anos comezou a frecuentar o obradoiro literario do xornalista e escritor Daniel Arias. En 1990 publicou o seu primeiro libro de poemas. Ese mesmo ano trasladouse a Caracas, Venezuela. Participou do obradoiro literario do Centro de Estudios Latinoamericanos Rómulo Gallegos, coordinado polo poeta Harry Almela. En 1994 veu a luz o seu segundo título, froito do seu primeiro encontro coa poesía galega.

En 1995 instálase na comarca compostelá. A súa produción en galego ve luz por vez primeira en 1998. Dende entón a súa obra obtén varios premios e os seus textos aparecen incluídos en diversos volumes colectivos e publicacións periódicas. Entre outubro de 2008 e maio de 2009 publica a columna poética "esca e pedra" dentro da web culturagalega.org. Participa da fundación de Letras de Cal, editora cooperativa da que será activo membro ata a súa desaparición en 2001. Funda -con Estevo Creus e Rafa Villar- Retagarda Edicións, efémero proxecto de edicións dixitais (2000). Tén coordinado diversos obradoiros literarios e accións de formación do profesorado. Colaborou en publicacións periódicas e foi responsábel dos blogs "o ollo da vaca", "en construción" e "mirar para este lado".