Encontro A cor das palabras con Pablo Marín: «Unha poética do espazo. A revolución do Super 8 no cinema arxentino»
O vindeiro encontro A cor das palabras que organizamos co Concello de Santiago trae á nosa cidade a un dos maiores expertos en cinema arxentino: Pablo Marín. O profesor, crítico e cineasta afondará na revolución que supuxo o xurdimento do formato Super 8 na creación amateur e experimental a partir dos anos 60. A aula terá lugar o domingo 28 de maio ás 11:30 e xa se pode reservar praza.
A segunda cita do ano co encontro A cor das palabras achegaranos a un episodio da historia do cinema situado nas marxes da industria e os sistemas hexemónicos de produción e exhibición de películas. O profesor, crítico e cineasta porteño Pablo Marín propón unha aproximación á creación experimental arxentina a partir das profundas mutacións creativas que supuxo a proliferación do formato Super 8. Así resume Marín os principais contidos da súa aula, Unha poética do espazo. A revolución do Super 8 no cinema arxentino:
«A chegada do formato Super 8 a mediados dos anos sesenta significou a máis radical ampliación do campo de acción cinematográfico a escala mundial até o momento. Mediante as cámaras económicas, liviás e automatizadas, o cinema comezaba unha nova etapa afastada xa dos coñecementos técnicos específicos para propoñer, en troques, unha visión inclusiva e descontracturada do amateurismo. En todo o territorio latinoamericano e, puntualmente, en Arxentina, o formato Super 8 foi adoptado desde cedo por cineastas ocasionais, pero especialmente por un grupo de artistas que viron nesa tecnoloxía unha porta aberta para plasmaren exploracións persoais que rematarían por redefinir os límites mesmos desa tecnoloxía.
Enfocado na reconstrución desa historia (técnica) paralela do cinema arxentino, no encontro A cor das palabras apoiarémonos da lectura de pequenos manifestos e o visionado de fragmentos exemplares co fin de ilustrar o paradoxo fundacional de “empregar algo diminuto para crear algo enorme” que dominou tanto o pasado como o presente do experimentalismo deste país»
O encontro terá lugar o domingo 28 de maio ás 11:30h da mañá con acceso gratuíto até completar aforo polo que recomendamos reserva previa no correo [email protected].
A visita de Marín complétase na tarde do sábado 27 coa programación e presentación dun Percorrido polo cinema experimental arxentino dos últimos 50 anos, coa proxección de obras dirixidas por figuras míticas como Narcisa Hirsch, Jorge Honik, Pablo Mazzolo ou Claudio Caldini entre outros. Xa se pode reservar butaca para esta sesión na nosa web ou na billeteira do Cinema NUMAX.
Pablo Marín (Buenos Aires, 1982) é crítico, cineasta e profesor. Dirixiu a colección de libros de cinema da editorial El cuenco de plata e traballou como asistente editorial en Caja Negra Editora. Traduciu os libros Por un arte de la visión: escritos esenciales de Stan Brakhage (Eduntref, 2014), Escritos sobre cine norteamericano, de J. Hoberman (El cuenco de plata, 2016) e Fluxus escrito (Caja Negra Editora, 2019), entre outros. Como investigador e curador independente, realizou relatorios e programas de cinema arxentino en Estados Unidos, Canadá, España, Austria, Finlandia e Suiza e integrou o equipo de investigación do proxecto “ISMO ISMO ISMO: Cine experimental latinoamericano”, do Los Angeles Filmforum e a Getty Foundation. Os seus filmes foron proxectados e premiados en festivais internacionais e é profesor en LAV (Madrid), a School Friedl Kubelka for Independent Film (Viena), ademais de ser titor na Elias Querejeta Zine Eskola (San Sebastián). O seu primeiro libro Una luz revelada. El cine experimental argentino foi publicado por La Vida Útil en 2022 e pode adquirirse na Libraría NUMAX.
Seguintes convidados: Susana de Sousa Dias e Ansgar Schaefer
Os próximos convidados ao encontro A cor das palabras serán a parella de cineastas formada pola portuguesa Susana de Sousa Dias e o alemán Ansgar Schaefer que acompañarán a estrea exclusiva en salas do seu último filme Viagem ao sol. A aula terá lugar o domingo 4 de xuño e en poucos días daremos completa información e abriremos a reserva de prazas.