Cinema

Encontro A cor das palabras con Álvaro Gago, director de «Matria»

O encontro A cor das palabras que organizamos co Concello de Santiago está de volta! Para encetar a actividade neste 2023 teremos connosco a Álvaro Gago, director de Matria. A cita é o sábado 22 de abril ás 11:30 e a entrada é libre e gratuíta, se ben recomendamos reserva previa no correo [email protected].

Desde a súa estrea oficial en salas, o pasado 24 de marzo, miles de persoas afeccionadas ao bo cinema quedaron cativadas por Matria, vibrante retrato de Ramona, unha muller da Ría de Arousa que afronta con afouteza un tenso contexto laboral e familiar. Un mes despois da súa estrea, en NUMAX queremos dedicar o primeiro encontro A cor das palabras deste 2023 a Álvaro Gago, un cineasta con mirada propia que compartirá co público da sala os pormenores do seu proceso creaivo.

O encontro A cor das palabras que Gago ofrecerá o sábado 22 de abril ás 11:30 co público da sala ten por título O goce de ir máis aló e está presentado como segue polo propio director: "Rosalía de Castro pediu abrir a fiestra para ver o mar antes de morrer. Ramona olla cara ao mar a través dunha ventá xusto antes de emprender un camiño de non retorno. Pode regresar, pero xa nunca será a mesma. Porque a ventá, coma o mar, coma o cinema, dá á vida. A apertura. O goce de ir máis aló. Ramona está, ao mesmo tempo, comezando a construción dun cuarto propio e saíndo dela mesma cara aos demáis. Un proceso de toma de conciencia e camiño cara ao coñecemento que nós tamén podemos facer apoiándonos no cinema a través do desexo, a observación, o intercambio, a honradez e a creación colectiva. Non hai maior recompensa."

Como sabedes, os encontros A cor das palabras teñen acceso gratuíto até completar aforo se ben recomendamos reservar praza no correo [email protected]. Agardámoste!

O director
Álvaro Gago (Vigo, 1986) formouse en música e comunicación audiovisual en Galicia para logo estudar teatro en Chicago e dirección na London Film School. O seu filme de gradación, Curricán, gañou o premio a mellor filme no Festival de Cans e a mellor dirección en Curtocircuíto. En 2017 dáse a coñecer no panorama internacional coa curtametraxe Matria, gañadora do Gran Premio do Xurado en Sundance e nomeada aos Goya. Ese mesmo ano foi montador de Trote, de Xacio Baño, estreada en Locarno e San Sebastián. A segunda curta como director de Gago, 16 de decembro, foi estreada en Locarno e nomeada aos Goya.

E así chegamos a Matria, debut na longametraxe do director vigués que en menos dun mes conquistou o público galego e de todo o Estado. O filme celebrou a súa première na Berlinale e foi presentada a nivel estatal en Málaga, onde acadou a Biznaga de Prata a mellor actriz para María Vázquez.