Libraría

Encontro literario con Antón Blanco e Anna Gas: «1996. Cristal / ruína de idioma»

Na foto, o poeta Antón Blanco

Enmarcado no programa de animación lectora “Afinidades Electivas. Encontros literarios en Librarías” que organiza a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, a libraría NUMAX acolle o próximo sábado 12 de setembro ás 12:00h un encontro literario con Antón Blanco e Anna Gas, dúas voces mozas da poesía catalá e galega. Para asistir á cita é preciso reservar praza no correo [email protected], posto que a capacidade da Libraría é limitada.

A experiencia poética da ruína, do glitch, mais tamén a do cristal de lingua vencella as poéticas de Anna Gas (Barcelona, 1996) e Antón Blanco (Vilagarcía, 1996). Ata o momento, malia viviren na mesma cidade e teren compartido espazos académicos, as obras dos dous permaneceron mutuamente descoñecidas. Nun encontro aberto, baixo o lema «1996. Cristal / ruína de idioma», ambos tentarán un posible universo común desde as realidades da literatura galega e catalá a través da lectura de poemas, reflexións e apuntamentos.

Antón Blanco Casás (Vilagarcía de Arousa, 1996) ten publicados os poemarios A oseira (Chan da Pólvora, 2016) e Tres estudos para un poema da cidade (Galaxia, 2018) e agarda pola publicación de Voz do arqueiro, libro co que gañou o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón en 2019. Ademais de participar en diversas antoloxías poéticas xeracionais, tamén é autor de ensaio lírico, tendo aparecido en 2020 Ensaio sobre o poema e o mar da morte (Euseino?). É graduado en Lingua e literatura galegas pola USC e ten un master en Teoría da literatura pola Universitat de Barcelona.

Anna Gas Serra (Barcelona, 1996) é graduada en Estudos literarios pola Universitat de Barcelona e actualmente cursa Psicoloxía na mesma. O «Premi de poesia Joan Duch per a joves escriptors» supúxolle a publicación do seu primeiro poemario, Crossa d’aigua (Editorial Fonoll, 2017). O segundo, Llengua d’àntrax (Edicions del Buc, 2019), obtén o «Premi Josep Maria Llompart de poesia» dentro dos «Premis Cavall Verd» que outorga anualmente a AELC. Participou en diversas antoloxías poéticas desde 2018 e ten sido traducida ao español, italiano e galego. Compaxina a escritura de poesía coa de narrativa.


En la foto, la poeta Anna Gas