Cinema

Encontro A cor das palabras coa cineasta francesa Valérie Massadian

Alédanos darvos conta do vindeiro encontro A cor das palabras, coa visita dunha das autoras máis suxestivas do cinema francés contemporáneo: Valérie Massadian. O encontro, organizado por NUMAX e o Concello de Santiago, terá lugar o domingo 31 de marzo ás 11:30. Arredor da visita da cineasta presentamos tamén o Foco Valérie Massadian, coa proxección das súas obras máis reputadas: Nana e Milla.

Baixo o título «Traballar co vivo», Valérie Massadian ofrecerá un encontro co público da sala no que explorará as inquedanzas, influenzas e o pensamento que determinan o seu proceso creativo. «Filmar é enfrontarse ao que está vivo, pouco importa que o que construamos sexa a través da ficción ou do documental, diante de nós todo está vivo.» (Valérie Massadian). O encontro ten acceso gratuíto até completar aforo pero podedes reservar xa a vosa localidade escribindo a [email protected], indicando nome completo e número de contacto.

O propio domingo 31 arranca o Foco Valérie Massadian coa proxección de Nana e, xa o luns 1 de abril, Milla, ambas con presentación e coloquio da cineasta.

A cineasta francesa de orixe armenia Valérie Massadian (1972) dáse a coñecer no mundo da fotografía da man de Nan Goldin, de quen foi axudante, e no campo do cinema como directora de arte do cineasta independente François Rotger. Influenciada polo cinema de Pedro Costa e, nomeadamente, por No cuarto de Vanda, que segundo a directora mudou a historia do cinema, estréase na dirección con Nana, conto infantil hiperrealista protagonizada por unha nena que descobre o mundo. Unha «auténtica obra de arte» (Cine Maldito) premiada en festivais como Locarno ou Valdivia.

A consagración internacional chégalle a Massadian en 2017 con Milla, historia de amor cru e antirromántico, protagonizada por unha parella moza que vive o día a día con escasos recursos pero a determinación de cambiar o mundo e saír adiante. O aluvión de premios recibidos (Mellor Filme Doclisboa, Premio do Xurado en Locarno e Lanzarote, Premio Camira en Entrevues, etc.) dan boa conta da singularidade creativa da cineasta.