Cinema

Encontro A cor das palabras co cineasta arxentino Alejo Moguillansky

O cuarto encontro A cor das palabras do ano achegará á nosa cidade a un dos maiores expoñentes do cinema de autor arxentino, Alejo Moguillansky, de quen estreamos o seu novo filme: La edad media. A actividade, organizada polo Concello de Santiago e NUMAX, celebrarase o domingo 3 de xullo ás 11:30.

«Hai dúas cousas a ter en conta sobre La edad media. A primeira: é unha película filmada durante a corentena da pandemia. A segunda: non é unha película sobre a corentena da pandemia. Este paradoxo atravesa todo o filme e xera as preguntas que nos facemos no seu percorrido. O proceso de creación, filmación e escrita parte dunha instancia documental cara á pura ficción». Así presentan Alejo Moguillansky e a codirectora do filme, Luciana Acuña, o seu novo filme, unha libérrima creación realizada durante o confinamento que condensa o espírito dos filmes anteriores de Moguillansky nos que o humor, a improvisación e o absurdo ao máis puro estilo Samuel Beckett son o selo de identidade.

Baixo o título Da forma á ficción Moguillansky participará no encontro A cor das palabras que celebramos o domingo 3 de xullo ás 11:30 en colaboración co Concello de Santiago e no que o cineasta boanerense afondará no proceso creativo do seu novo filme. Coma sempre esta actividade é gratuíta até completar aforo pero pódese reservar praza escribindo a [email protected]. A visita de Moguillansky completarase coa presentación e coloquio dunha sesión de La edad media no serán do sábado día 2.

O director
Alejo Moguillansky (Bos Aires, 1978) é director, guionista, montador, produtor e actor de cinema. Deuse a coñecer como director con varias longametraxes cheas de humor e creatividade seleccionadas en Locarno, Berlín, Viennale, Londres ou a Quincena dos Realizadores de Cannes entre outros certames. Destacan La prisionera (2005), Castro (2009), El loro y el cisne (2013), El escarabajo de oro (2014), La vendedora de fósforos (2017), que pasou pola nosa pantalla, e Por el dinero (2019). A súa nova creación, La edad media, foi realizada a catro mans xunto a Luciana Acuña e estreada na Berlinale Fórum

Como montador traballou para cineastas do nivel de Mariano Llinás, Matías Piñeiro, Santiago Mitre, Albertina Carri, Hugo Santiago ou Laura Citarella. Actualmente é profesor na Universidad del Cine de Buenos Aires e no Taller de Cine da Universidad Di Tella (Buenos Aires). Xunto a Mariano Llinás, Laura Citarella e Agustín Mendilaharzu fundou El Pampero Cine, produtora de La edad media e da maioría dos seus traballos.