Cinema

Estrea de «Parábola del retorno», Premio NUMAX Exhibición no VI Festival Márgenes

A carteleira do Cinema NUMAX acolle a partir deste venres 17 de marzo a estrea de Parábola del retorno, Premio NUMAX Exhibición na última edición do Festival Márgenes. Asinado polo director colombiano Juan Soto, o filme reflexiona sobre a convulsa historia recente do seu país a partir da figura do exiliado.

Na sexta edición do Festival Márgenes, celebrado o pasado mes de decembro, NUMAX participou por vez primeira como xurado, premiando un filme de entre os 13 que formaban parte da magnífica Sección Oficial do certame. O Premio NUMAX Exhibición 2016 recaeu en Parábola del retorno, ao que no fallo do premio cualificamos coma segue: «Pola potente dimensión política que adquiren unhas imaxes de espera, aparentemente banais, como condensación de cinco décadas de conflito armado. Celebramos tamén a sutil utilización do arquetipo do retornado como depositario e portavoz de múltiples experiencias do exilio.»

A partir do venres 17 de marzo os espectadores de NUMAX terán a oportunidade de gozar dun filme realmente singular, que bota man de brillantes mecanismos narrativos para nos falar da historia recente do seu país. Desta maneira dáse a coñecer ante o público compostelán a Juan Soto, unha das maiores promesas do novo cinema colombiano.

O Festival Márgenes botou a andar en 2012 como unha fiestra exclusivamente online ao cinema español contemporáneo máis arriscado, tanto en termos éticos como estéticos. Co paso dos anos Márgenes foi medrando, engadindo proxeccións presenciais e a selección de filmes procedentes de Portugual e América Latina. Arestora tense convertido en todo un referente para o cinema máis independente a nivel estatal e internacional.