Europa Cinemas designa o Cinema NUMAX como sala do ano en España
Aproveitando a celebración do festival máis prestixioso do mundo, a rede internacional de exhibición Europa Cinemas presentou en Cannes a súa memoria anual de resultados e actividades. Nela, o Cinema NUMAX aparece como exemplo do ano no contexto exhibidor español.
Nun acto celebrado o pasado domingo 21 de maio no Hôtel Carlton, situado no boulevard da Croisette de Cannes, Europa Cinemas fixo públicos os resultados e actividades máis significativos do último ano. O apartado “Cinemas on the Move”, que recolle exemplos a seguir no ámbito comunitario, destaca a actividade de NUMAX, sala de referencia do ano para a rede europea.
Tras pouco máis de dous anos de actividade, o Cinema NUMAX tense consolidado como un dos proxectos culturais máis vangardistas e innovadores do país. Baixo a fórmula de cooperativa sen ánimo de lucro, NUMAX inaugurouse en marzo de 2015 froito do traballo dun equipo de profesionais interdisciplinar -cinema, libraría, deseño gráfico, vídeo e comunicación- que se decidiron a realizar en común aquilo que viñan desenvolvendo por separado.
Trátase ademais dun proxecto amparado pola cidadanía, que encontrou o respaldo de 182 personas para avalar un crédito que permitiu afrontar o investimento inicial do proxecto. A inesquecíbel inauguración da sala contou coa participación do gran director finés Aki Kaurismäki, que presentou a restauración do seu filme Nubes pasaxeiras.
(Imaxe: Tamara de la Fuente)
O balance destes dous anos de traballo non pode ser máis positivo. A día de hoxe NUMAX conta con máis de 1.000 persoas abonadas que participan con asiduidade das actividades da cooperativa, sumando xa máis de 70.000 espectadores en sala. Tendéronse pontes con iniciativas punteiras locais, estatais e internacionais, como o IFFR (International Rotterdam Film Festival), WOS Festival, Curtocircuíto, Cineuropa, S8 Festival de Cine Periférico, Festival Márgenes, Festival Novos Cinemas ou o Festival de Cine de Ourense, entre outros, co propósito de crear unha rede de colaboración e intercambio cultural.
O Cinema NUMAX emprega ademais a sétima arte como ferramenta educativa e de formación. Froito deste empeño xorde o programa didáctico NUMAX na Escola, que posibilitou a máis de 1.000 alumnos de primaria e secundaria da comarca á experiencia cinematográfica en pantalla grande e versión orixinal. Ademais NUMAX sumouse a CinEd, un catálogo de filmes coordinado polo Institut Français que achegará o alumnado a títulos esenciais da historia do cinema.
Neste último ano NUMAX consolidouse como distribuidora de referencia do cinema independente. NUMAX Distribución fixo posíbel a estrea en España de obras fundamentais do cinema contemporáneo como Cabalo Diñeiro (Pedro Costa), A vinganza dunha muller e Correspondencias (Rita Azevedo Gomes), Mimosas (Oliver Laxe) ou La idea de un lago (Milagros Mumenthaler) con excelentes resultados.
Todo este traballo fai que NUMAX continúe crecendo. Dos 5 traballadores iniciais do proxecto chegouse aos 11 actuais que levan este singular proxecto a afrontar novos retos e posibilidades de cara ao futuro.